Opinión

Nada

Ninguén na entidade aseguradora para a que traballa repara habitualmente en Luís. É un deses empregados invisibles, en nómina pero descatalogados, que chegan, fichan, completan as sete horas da xornada e marchan sen cruzarse con ninguén. E cando cruzan, saúdan coa cabeza e devolven a mirada á punta dos zapatos. Vive no subsolo. Hai algo de fantasma na súa silueta, no seu abrigo, na sola silenciosa do seu calzado. Suxeitos coma Luís son persoal que non meten ruído, nin molestan, nin critican, nin se integran en ningunha camarilla, nin piden días de asuntos propios, nin enferman. Nin nada. Nada e Luís Abellán teñan máis que ver do que a semántica suxire. A súa contribución á sociabilidade do grupo posúe as connotacións metafóricas da auga da traída: incolora, insípida, patatín e patatán. Leva quince anos na empresa e desenvolve o seu traballo nun despacho diminuto, opresivo, sen fiestras, formado por paredes de pladur, unha porta do mesmo material, e unha iluminación afiada capaz de penetrar entre o globo ocular e a súa cavidade. Senta nunha cadeira fixa, que renxe cando se levanta como esas portas coas bisagras oxidadas.


Luís ocupa o mesmo posto dende o primeiro día que chegou á empresa. En quince anos nunca formou parte das listas de aspirantes a ascender. Tampouco apareceu nun índice de candidatos ao despido. O seu nome non ten sitio ao carón dun predicado. A súa cara non queda pegada na memoria. Algunha vez, de feito, cando chega un envío e o mensaxeiro pregunta por un tal Luís Abellán, ninguén sabe dicirlle quen pode ser exactamente.


Hoxe está derrubado sobre a mesa, coa cabeza apoiada no teclado do ordenador. Non durme. Nin descansa. Está morto. Morreu fai catro días. Ninguén se decatou. Esta mañá, cando ficharon e entraron os compañeiros de corredor, houbo algunha queixa polo cheiro a froita podre, pero de momento non se descubriu a fonte da descomposición. Nos últimos catro días ninguén entrou no despacho para convocalo a unha reunión. Para encomendarlle unha tarefa. Para entregarlle correspondencia. Para invitalo a un café. Para pedirlle un cigarro. Para pedirlle un acendedor. Non soou o seu telefono. Nada de nada.

Te puede interesar