Opinión

Números

Colecciono probas coas que acreditar que os problemas elementais da humanidade, como a fame, non teñen solución. Ningunha! Na vida, dicía Gómez de la Serna, hai que ser un pouco parvos, porque do contrario só o son os outros e non lle deixan nada a un. Unicamente por esta razón reúno probas. Cantas voces acreditadas levan dito que a fame que acosa aos países pobres é un problema reversible, sempre e cando os países ricos queiran? Miles. Millóns. Ducias. Algunhas. Non quero perderme nos números. Desacreditada a vixencia da táboa de multiplicar, as cifras non explican nada.


Se a min me gustara ter a razón, lembraría que xa son 923 millóns de persoas as que pasan fame. É máis, lembraría o plan co que Bush vai ao rescate das penurias... de Wall Street. Pero as causas profundas dun problema eterno non se explican con números. Non sei, en realidade, con que se explican, porque penso que tampouco as palabras resultan eficaces. Hai unha frase de Cioran en aparencia estúpida que nunca perdo de vista cando alguén declara que a pobreza é reversible. Cioran escribiu que calquera persoa intelixente ou decente odia á metade dos seus contemporáneos. A frase non se defende ben en solitario, pero adquire forza ao lado dun aforismo de Samuel Butler, que di que pouco importa o que odiemos, con tal de que odiemos algo. Jules Renard, pensando en masculino, dixo que sentimos amor por unha ou dúas mulleres, amizade por dous ou tres amigos, odio por un só inimigo, piedade por algún pobre, e o resto da humanidade énos indiferente.


Non sei que pensa vostede. Direille que Celine escribiu dúas cousas que veñen ao caso. Unha, que un home é podremia en suspenso. Outra, que entre as matemáticas e o pene non hai nada, nada, o baleiro. Monterroso, pola súa parte, defendeu que só hai tres temas: o amor, a morte e as moscas. Xa ve. As moscas. A espiral lévanos a Vila-Matas, para quen non hai un só escritor profundo que non dixera algunha vez algo sobre as moscas. Porque ata as moscas resultan máis atractivas, como factor de reflexión, que determinada acumulación de números.



Te puede interesar