Opinión

Unha petit fêste

Entramos xa nese paradigma no que o despido é belo, unha decisión elevada e creativa en constante multiplicación. O transo no que un queda sen traballo, en aplicación da filosofía neonihilista de Adolfo Domínguez, perdeu todo signo de desgarro para se volver, con perdón, unha petit fête. Nada tan divertido, escribiu Beckett, como a desgraza. En parte é así. A Crise permitiu acelerar a incorporación á realidade de novas consideracións, o que comporta o desprazamento daquel material máis anticuado cara o precipicio dende o que se esquecen. Outros tempos, outras respostas. A insignificancia do posto de traballo é unha desas novas ideas. Como consecuencia da súa trunfante irrupción no escenario, o despido ingresou na categoría de mero click. Na mentalidade ultramecánica que desenvolveu a patronal para avanzar no novo paradigma, despedir xa é máis unha manobra inconsciente, tan impalpable coma un sono, que un mal trago. Esa facultade para pasar desapercibido non vai en detrimento da beleza que os seus creadores quixeron incorporar ao seu deseño. Este despido lixeiro e invisible que garbea por diante de nós despregando, como quen di, os pasos evocadores do ballet, leva a pegada dun soño poético. Como algo así vai resultar nefasto?

Xa a realidade, que segundo Robert Musil sinte un desexo absurdo de irrealidade, permite percorrer os seus itinerarios ás apalpadelas, avanzando detrás do bastón co que dá paus o cego para ir dun lado para outro. Non hai que prestar atención, segundo o novo modelo social, a nada que non signifique preservar as ganancias aínda nos peores momentos da Crise. Hai unha elemental coherencia neste propósito: a morte cos beneficios. Por iso é tan fácil despistarse do irrelevante, que para o caso que nos ocupa, sería o posto de traballo. César Aira desenvolveu unha interesante teoría segundo a cal todo despiste ten a súa orixe nun exceso de atención. Focalizada esta no mantemento da plusvalía, é normal que se rebaixe o nivel de vixilancia sobre as forzas produtivas. Para atender a unha cousa hai que distraerse de outras. Distraerse, afirma o escritor arxentino, é prestar atención a algo. Soberbio. Todo soberbio. E todo arrasado.

Te puede interesar