Opinión

A POSTCRISE

Ecando todo isto pase, que quedará? A Postcrise, obviamente. Talvez alguén pense que será un gran momento, porque a súa chegada enterrará unha época que arrasou á humanidade sen necesidade de esgrimir un coitelo, un revólver, pero provocando unha destrucción masiva tras un programa de desmantelamento limpo e silencioso. Non sei de onde pode saír unha idea así. A Postcrise só sería igual de dura ou máis terrible que a Crise. Pero o mundo non se decatará porque só está preparado para ollar o mundo como víctima da súa inclemencia. Metidos na Crise, zarandeados, esfarrapados, arruinados pola Crise, non hai un minuto para pensar cómo quedará o terreo cando escampe. Precisamente a Crise crebou a concepción da esperanza. Nesa medida non ten sentido pensar nun futuro rehabilitado. Nin sequera nun futuro, do tipo que sexa. É como se só coñecéramos a mundo a partir de súa configuración actual. Digamos que moitos, en consonancia cos tempos, xa prescindiron dun tempo posterior como un horizonte posible. No futuro, segundo ese enfoque, non pintamos gran cousa. Nada se nos perde por aí. Non temos, para prosperar, máis que o noso pasado e o que sexa capaz de resistir en pé o presente. Futuro? Talvez. Pero no momento actual, cos ollos mesturados en area, ninguén pode dicir en qué dirección queda eso do futuro. Pode que por aquí, pero tamén pola vía oposta. Quizais cara atrás. Tampouco importa. A duración da Crise, as areas dos ollos, a morte violenta do optimismo, transformaron o campo cerebral no que se deciden as conxugacións verbais.

Á Crise está sendo dura ata estes extremos. Quizais a Crise sexa menos ardua en si mesma que o debate sobre a Crise. Expresado así, a Metacrise é o maior deterioro que acusan estes tempos. Esto, que significa? Quizais algo que levo anos sospeitando: falamos moito, e falar non sirve de nada. Nesta conferencia perpetua que mantemos, afixémonos á Crise. Metémola nas nosas vidas, no noso diccionario persoal. Intimamos. A cousa é así: non estamos tan mal. A Crise ocupa o noso tempo en tal medida, que sen a súa presencia ficariamos baleiros. Non. Todo está ben, gracias.

Te puede interesar