Opinión

Semanas

Cando o doutor lle pide á filla da paciente que pase ao seu despacho mentres a súa nai é acompañada por unha enfermeira a unha sala adxacente, só hai inverno na respiración de Felisa. Algo malo se coce, dise, pero sen adiviñar onde está en concreto o desastre. O doutor indícalle en que sitio pode sentar cunha delicadeza no xesto de sinalar á cadeira que remite aos colos que os pais dan aos fillos acabados de nacer. Primeiro senta ela, e cando o especialista rodea a mesa e queda xusto enfronte de Felisa, senta el.


O frío de decembro sacude os ósos da muller, as articulacións, a cor branca da pel, aínda que fóra o calendario marca 15 de maio e vai un día de sol. A súa nai, anuncia o doutor, ten un cancro de pulmón terminal con metástase colateral nas costelas. Calcúlolle seis semanas de vida. Dez como moito. Mentalícese. Pero Felisa, ante ese cálculo, carece de mentalidade e de reaccións, como eses colchóns que cando afunden ao caer un corpo sobre eles fican comprimidos. Na súa respiración corre só un vento áspero, cego, sen familia, como o que empuxa a area sobre as estradas no deserto de Nevada, Estados Unidos. Non pode ser, pensa, pero sabe que pode ser perfectamente. É.


En casos terminais o oncólogo recomenda actuar sobre a dor, pois a estas alturas, di encolléndose de ombros, nada hai que facer contra a enfermidade. Só cómpre administrar morfina. Máis morfina canto máis se visualice na paciente o sufrimento. O substantivo morfina retumba, como se estivera provisto dun revestimento metálico, no baleiro que experimenta Felisa diante da noticia. Cando xunta forzas de aquí e de aló, nun esforzo parecido ao de recoller os restos esparexidos da súa existencia despois dunha explosión, érguese e despídese. Detense diante da entrada da sala de espera. A nai está lendo unha revista e Felisa mira cara ela como se fora esa parte dos números decimais que queda máis á dereita. Existe, si, para xa cun aire remoto. Entón a súa nai levanta a cabeza, sorrí e anuncia, sinalando cun dedo a unha páxina da revista, que se vai apuntar a un curso para aprender inglés en seis semanas. Dez como moito.



Te puede interesar