Opinión

Superheroes

Proliferan os superheroes. Trátase dunha proliferación parecida á dos fungos, a droga, a corrupción, os radares. Estiveron desaparecidos, metidos nas súas casas, disfrazados de civís nos seus traballos, e de socato emerxen con seus traxes. A que veñen? Que pasa? Significa algo especial ese regreso? É polo botellón? Por que volven realmente estes suxeitos titánicos, estas figuras do cómic? Ninguén dá explicacións, todos calan. Tamén o Goberno. Pero aí están eles: Watchmen, Superman, Batman, X-men, Spiderman, Hulk, Ironman, Hellboy, The Spirit. Que fai esta xente aquí? O fenómeno é incontrolable. E só acaba de empezar. Se cre que xa son moitos fágase á idea de que aínda hai máis de camiño. En cuestión de meses aparecerán Witchblade, o Capitán Trono, Wonder woman, Lobezno, Flash, The Punisher...


Algo ocorre, non hai dúbida, porque senón non estarían aquí estes señores e señoras. Pero que concretamente? A intelixencia non é o meu forte, así que eu, para ir a asegurar, contestaría unha simpleza: hai problemas graves no mundo. Moitos problemas, pequenos, grandes, medianos. Problemas variados. E nós, é dicir, os que carecemos de superpoderes, a xente que vestimos en vaqueiros e non voamos, perdemos toda esperanza de resolvelos con éxito. Os individuos, iso que denominamos persoas de carne e óso, capaces de enfermar, ter máis dun vicio, votar, ou morrer, fracasamos. Non o recoñecemos, porque entre os vicios máis comúns está o de non recoñecer o fracaso, pero estamos en bancarrota. É máis: en vistas da ruína. recorremos á fantasía como último reduto para atopar saída a tanta calamidade real.


Hai xente que reza, xente que bebe, xente que reza e que bebe, hai xente que non fai nada, xente que practica espiritismo ou vodú, e hai xente que busca unha expectativa á perdición da realidade en tipos como Superman, Batwoman ou o Capitán América. Nun último grupo está a xente que traballa oito horas ao día e pensa que o mundo ten salvación se actuamos utilizando a intelixencia. Porque, loxicamente, ten que haber xente para todo. Alcanzamos esa fase crítica na que os superheroes están de moda. Hai que roelos. O que está de moda, pasa de moda. Empecemos.



Te puede interesar