Opinión

Santiago y cierra, España

O Capitán Trueno foi un protagonista indiscutible dos tebeos da miña nenez.Acompañado do seus amigos Crispín, Goliath e a súa noiva Sigrid, era un guerreiro que personificou os valores do cabaleiro español na Idade Media. Paladín da xusticia e liberador dos sometidos, a súa consigna antes de entrar no combate era: ‘Santiago y cierra, España’.


Teño que decirlles que daquela mesturando a lectura das historietas coa preparación do exame de ingreso de bacharelato, sabiamos perfectamente a función das conxuncións, polo que a divisa do Capitán Trueno desconcertabame dabondo pois, coidaba eu, o y grego entre Santiago e o verbo, nin coordinaba nin copulaba.


Aquel desacougo sintáctico foise esvaecendo co paso do tempo, xa que o heroe das bandas deseñadas deixou de loitar no ano1968 e o lema incitador, aínda que seica viña funcionando con éxito dende a batalla das Navas de Tolosa, quedou no esquecemento por caduco e reaccionario.


Curiosamente foron os ‘Pais’ de Galicia/Galiza os que me lembraron a inquedanza infantil que me provocara a conxunción na frase ‘Santiago y cierra, España’, pois aínda que a maioría dos deputados que sentan no Pazo do Hórreo, falando un galego macarrónico e adobiando as súas intervencións cos ‘bueno’, ‘bien’, ‘ahora’, ‘eres’, ‘entonces’, etcétera, fannos sospeitar que lataron os cursiños de Iniciación e Pefeccionamento, aínda que, insisto, son de tódalas cores políticas os que lle dan couces a sintaxe, son aqueles políticos, os que poñen máis énfase no uso da lingua lexislando a normativización para rótulos e sartegos, quen cando toman a palabra esbardallan a eito enchendo o noso hemiciclo co y.


Eu non sei se esta conxunción tan fóra de contexto nos beizos nacionalistas contén algunha mensaxe subliminal, o que supoño é que pola súa reiteración pode tomar carta de natureza e os psiquiatras e psicólogos que lle poñen nome a todo hanna de calificar de síndrome, que segundo o perfil dos falantes poderíanna definir como ‘a síndrome do Capitán Trueno’ ou pola proximidade xeográfica ‘síndrome do Apostolo’ ou tamén mergullando na historia máis recente ‘a síndrome de Ramiro de Maeztu’ autor de ‘Defensa de la Hispanidad’ que foi quen rescatou o lema nos anos trinta do século pasado.


Claro que tamén poden poñerlle remedio de súpeto dun xeito moi sinxelo, botando man dun diccionario e seguindo a orde do abecedario, poden caer do cabalo cando cheguen a folla reservada ó Y e lean: ‘é unha letra allea ó alfabeto galego, empregada soamente en palabras doutros idiomas ou en certos símbolos convencionais internacionais’ que é como reza en calquera diccionario que se gabe de seu.


Te puede interesar