Opinión

Camiño, tradición e cultura

O Camiño de Santiago é mundial, vai por onde ten que ir dicíndolles aos pobos diferentes e espallados polos distintos continentes que Galicia, antes, fin da terra, agora é o centro. Santiago de Compostela é o centro do mundo e o Camiño de Santiago son arterias que o recorren, igual que os peregrinos recorren países, lugares, mares e montes.

Alá polo século nove, ao descubrir a tumba do Apóstolo, o bispo de Iria Flavia foi correndo a xunto de Afonso II para darlle nota do achado. Inmediatamente o Rei arranca co seu séquito para onde hoxe está a Catedral de Santiago. Os historiadores din que foi o primeiro peregrino. Durante a súa infancia, o monarca estivera recibindo formación no Mosteiro de Samos, un lugar que foi, e segue sendo, outro dos emblemáticos espazos do Camiño de Santiago.

Os períodos de decaemento do Camiño xa pasaron e foron longos, pero os seus tempos de esplendor volven cargados de valores. E, en calquera parte de Europa ou en calquera esquina dalgún outro continente, alí está o Camiño de Santiago como sinal de identidade, da concordia e do entendemento entre culturas, relixións e pensamentos. Como crenza de igualdade, de liberdade, de harmonía social e de respecto entre as persoas e entre os pobos.

Para favorecer a esencia da espiritualidade do Camiño, naceron asociacións, fomentouse a hospitalidade, agrandouse a riqueza cultural, creouse coñecemento e fíxose difusión do mesmo, ata acadar que o Camiño de Santiago sexa entendido como un ben de todos, dos ricos e dos outros, dos negros e dos brancos, dos homes e das mulleres. Así a Unesco declarou ao Camiño Francés, en 1993, como Patrimonio da Humanidade. E, en 2015, fixo unha ampliación introducindo aos Camiños do Norte. 

Milleiros de estudos e de libros publicados dan conta da importancia desta riqueza cultural, espiritual e económica. Autores prestixiosos, escribindo; científicos de renome, investigando, construíndo a historia e marcando os pasos para seguir; divulgadores, falando e soñando, e a mocidade andando xunto aos maiores e aos máis pequenos. 

A principios de mes, en Ribadeo, por onde pasa o Camiño do Norte, celebraranse as Xornadas Mar por Medio e, como di a Tía Manuela, “alí nos veremos, coa tradición, o Camiño e a súa cultura”.

Te puede interesar