Opinión

Crédito ou débito

Foi ao banco dos cartos, entra e cando rematou as xestións (a xestión), ao cabo de dúas horas, saíu mirando ao reloxo, buscando as chaves do coche, gardando os papeis e falando só. Ía sacar cartos para pagar unha compra e atopouse cun muro dialéctico, irracional e duro como se fose de cemento armado. Cada unha das súas interrogacións era contestada pola máquina auxiliar ou, máis ben, era rexeitada. Moitos dos mostradores estaban baleiros e as operarias bancarias (eran tres ou catro mulleres) estaban apuradas, seguindo o ritmo do negocio a duras penas, a salto de mata. Estaban agardando o necesario reforzo, que non chegaba. 

Os clientes da oficina mirábanse entre si e falaban, criticaban o sistema, revisaban o seu número, enfadábanse e algúns deles marchaban. Uns marchaban e outros entraban, situábanse prudentemente no final da ringleira e alí estarán, aínda hoxe, agardando. “Se queren sacar diñeiro, dicía unha das operarias, pasen polo caixeiro, coa tarxeta ou coa libreta”. Polo caixeiro, respectando a súa quenda, tamén debían pasar os que querían coñecer o saldo da conta e aqueles que pretendía pagar os recibos, debería marchar tranquilamente para a súa casa e facer as xestións por internet.

Os que non teñan conexión ou non saiban manexarse, “que aprendan ou que lle pidan axuda aos fillos ou a algún veciño”. Que fagan o que queiran, pero que se vaian. Isto é un negocio, un negocio que se mide unicamente polos dividendos. Precisamente por iso, para obter suculentos rendementos, o banco ten que cobrar pola xestión, por tódalas xestións e operacións que se realicen, fágaas quen as faga.

Para retirar calquera cantidade de diñeiro do subsidio, señor cliente, ten que pedir cita e vir aquí cando lle manden, sacar número nesa máquina e esperar que o seu número saía naquela pantalla. -Señorita! Se veño polos meus cartos, debo seguir igualmente eses pasos? -Naturalmente, cabaleiro! Son as normas establecidas pola entidade e aprobadas por instancias superiores. Vostede, que quere?

-Eu, eu, eu ... quero respecto e quero sacar uns cartos dos meus para facer a compra da semana e para pagar o aluguer da vivenda. -Señor!, non se atrapalle, para pagar o aluguer, domicilie os recibos e para pagar a compra, facémoslle unha tarxeta, que pode ser de crédito ou de débito. Entendeume? 

Te puede interesar