Opinión

O que proceda

Chamou por teléfono á súa casa e comunicaba seguido. Chamou por segunda, por terceira vez, e o teléfono seguía insistindo coa marca de comunicar. É a marca de non poder conectar, de incomunicación total, de silencio ou de calade todos. Dicíao moi ben o meniño, o máis pequeno dos nenos da casa, “o telefono é para xogar, para timbrar e timbrar de novo, para recoller a chamada e escoitar silencio ou propaganda da mesma compañía coa que cada quen contrata”.

Cando é ou son días de festa, as prácticas abusivas das comunicacións telemáticas aumentan e distribúense polos sobacos, polos ombreiros, e os ouvidos das mulleres fermosas, das que escoitan e de tódalas que lles gusta escoitar. Nos días de festa do Nadal, toda a familia está repenicando, como o sancristán de Coimbra, aquel que facía mil diabluras, que mollaba o pan en aceite e, sempre, deixaba os santos a escuras. 

Todo é novo e vello ao mesmo tempo. A rapazada busca o seu acomodo e segue os ditados da conciencia. Xa sabedes que a conciencia é como tiña que ser. Abrir as portas, presentar aos interlocutores, falar do divino e do humano, do cura de Santa Marta, do calendario e dos soños da nosa señora.

A segunda chamada, segunda, terceira e cuarta, foi da compañía telefónica, da telefonía móbil. Ao fixo xa non chama ninguén, unha ou dúas chamadas cada día, para que a banca, os seguros, as eléctricas, as universidades privadas, as organizacións que axudan aos necesitados, a Cruz Roja, o Faro do Monte Escuro, Cáritas e as ONGs de ben e mal. Incluso as organizacións que defenden os intereses dos pobres campesiños que quedaron sen terra e daqueles que traballan para as multinacionais de produtos ecolóxicos. De todas estas hai chamadas, algunha desas de contestación obrigada.

Milleiros de chamadas para saber o parecer da vítima, para que aportes información, para que opines de nada, para que reflexes o estado de ánimo e a vontade de seguir dándolle xogo ao mercado. 

Que é o que lles interesa aos consumidores e como lle senta a vostede que lle lamba a perna un felino salvaxe, ou mesmo un gato montés? A Tía Manuela, como sempre, nestas cousas é clara, ”eles que chamen e pregunten o que queiran, nós responderemos cando poidamos e diremos o que proceda”.

Te puede interesar