Opinión

Con poesía, camiñar engorde

Nas ourelas do tempo atópanse sorpresas. Algunhas para esquecer definitivamente e outras, as máis, para recrearse nelas, para acariñalas e desfrutalas. Son como vivencias de nós e dos nosos. Vivencias que xa foron, pero que seguen aí marcando unha época, como chantos de lousa que ninguén move nin debe mover. Nas ourelas do tempo hai cousas que moitos quixeran ver; escóitase o tempo ao pasar e apáñase a herba, cada día, ao medrar.

Tamén medra a ilusión e, igual que a herba, vese medrar. A ilusión por chegar, por saber e recordar medra e non para de medrar, abrázase ao teu peito, agárrase coa súa forza enteira e sustenta ao pasado nun instante. Si, así o fixo Manolo (Núñez Pérez) do Cebreiro cando descubriu que aquel cura actor do documental “Le Chemin de St. Jacques”(1952), era o párroco do Cebreiro, naquela época de mediados do século pasado, cando el nacera. Era o crego que o bautizou, cando se bautizaban a tódolos nacidos en Galicia e no noso mundo mundial.

Nas ourelas daqueles anos, Ramón Cabanillas, de Fefiñáns (Cambados), refuxiábase no mesmo Camiño de Santiago, nun dos primeiros mosteiro que alumeou, como a Vía Láctea, o camiñar dos peregrinos, e alí escribiu versos magníficos para publicar nun libro sobranceiro, co título de Samos. 

Como se estivese estudiado, programado e preparado, o mesmo día que a francesa Denise Péricard-Méa presentaba o documental cinematográfico en Santiago de Compostela, no marco do Encontro Mundial de Asociacións Xacobeas, o profesor Francisco Fernández Rei falaba, en Samos, de Cabanillas, do Mosteiro, do abade Mauro Gómez Pereira, da xente, da paisaxe e da poesía, ao lado da alcaldesa, Chus López, e ao pé da Torre do Reloxo. 

Outros políticos locais, xente do lugar, un concelleiro de Cambados e a neta do poeta, Pitusa Cabanillas, escoitaron, con moita atención e compromiso, aquilo de “Como un ramalliño de rosas sangales / pañadas nos folios dos vellos anales”, versos do poema dedicado aos frades beneditinos e que, para publicalo, foi modificado o seu final, atendendo ás suxestións dos editores. 

A poesía, a música, o camiñar engorde, a literatura, a arte, as pedras e as xestas, os edificios e as paisaxe “son -como di a Tía Manuela- parte dese misterio que une terras e pobos e xentes, culturas e razas”.

Te puede interesar