Opinión

Por algo sería

Foi, como outros centos de miles foran no mesmo ano, peregrinando a Compostela, seguindo os pasos dos anteriores, seguindo a guía dos devanceiros e falando coa mirada, como falaban eles, coa expresión nas meixelas e nas meniñas dos ollos. Daqueles ollos grande e abertos que o vían todo e que todo o contaban, para que o mundo soubera onde estaba Galicia e Santiago de Compostela, alá ao lonxe ou aquí cerca, no fin da terra.

Eran peregrinos que camiñaban guiados pola estrela, sostidos pola fame e acompañados da miseria, da noite e da soberbia daqueles que os maltrataban e os humillaban, dos que eran sen alma e tiñan o corazón encollido. Pero, ao longo de tantos séculos, os peregrinos abriron Camiño, trouxeron riqueza, expandiron culturas, como se fosen sementando nabiña, no inverno, e trigo ou centeo, no seu tempo.

Así foron andando máis de mil anos, e seguen na mesma, con paso de romeiros, coa ledicia de chegar e de ver aquel lugar onde non se acaba nada, onde está a meta e o punto para volver empezar, para seguir camiñando polo Camiño e pola vida, por onde todos andan e miran, coa satisfacción de ver, de escoitar e de entender.

Galicia é a terra do Camiño, vén por Ribadeo, pola Fonsagrada, polo Cebreiro do alto de Pedrafita, polo Barco de Valdeorras, por o Porto da Canda e A Gudiña; cruza o Miño e entra cara a Santiago por Tui ou trae aos peregrinos polo mar, polo coñecido e recoñecido Camiño Inglés, como se fose un funil que arrexunta aos transeúntes que pisaron terra, en Hospital de Bruma, a poucos quilómetros da casa grande do apóstolo, ao que queren abrazar. 

E, despois de chegar, que? O mesmo preguntaba Uxío Novoneyra, coa súa voz e intelixencia poética, no libro “Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas” (1999), “En chegado a Santiago/ e logo despois qué fago?/ En chegado a Compostela/ e despois de vela a ela?” Pois nada, uns volven satisfeitos para o lugar de onde partiron, outros seguen polo Camiño para ver o mar e abrazar ao solpor en Fisterra ou en Muxía. E outros pensan na importancia deste Camiño de Santiago, que cumpre trinta anos como Patrimonio Mundial.

Como moi ben di a Tía Manuela, se a Unesco declarou ao Camiño de Santiago Patrimonio Mundial (Patrimonio da Humanidade) ao remate do Xacobeo de 1993, “por algo sería”.

Te puede interesar