Opinión

Deixar pegada

Moitos pasaron e poucos deixaron memoria. Foron 132 os xefes políticos e gobernadores civís -titulares- que durante o Século XIX e a maior parte do XX dirixiron politicamente a provincia de Ourense. (Os subdelegados do Goberno, creados ó abeiro da Lofage, merecen outro tratamento o non ter as mesmas competencias que os anteriores e depender dun delegado de Goberno na Comunidade). Uns sumaron en positivo e outros quedaron na lembranza pola súa contribución negativa. 

Entre os que merecen salientar e figurar nun cadro de honra está Mariano Sanz Pech (gobernador civil de Ourense de decembro do 1982 a agosto de 1986), comprometido, creativo e valente. Enxeñeiro técnico agrícola, madrileño galeguizado, que ocupara responsabilidades na Administración Local de Lugo. Fora nomeado polo primeiro Goberno de Felipe González. Azoute do “matute”, pioneiro a favor dos viños ourensáns de calidade, apóstolo do medio-ambiente e loitador contra os lumes que asolagaban a nosa provincia ata poñerse en perigo el mesmo o fronte da extinción. O seu compromiso foi recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impoñéndolle unha sobranceira condecoración o Mérito Agrícola. Tamén foi o máximo responsable do Icona (Instituto para a Conservación da Natureza) cando deixou de dirixir a provincia ourensá. Entrementres, presidiu a Asociación para o Fomento dos Queixos Artesáns. Lembro con simpatía cando lles ensinou a mellorar a produción de queixos aos frades cistercienses de Oseira.

Durante a súa xeira no Goberno Civil elaborouse o primeiro “Compendio de normativa e organización da Comunidade Autónoma de Galicia” e tamén doutros textos. E foi o iniciador e impulsor do concurso “Tú y la Constitución”, que permitiu a centenares de escolares ourensás coñecer en persoa as principais institucións do Estado, que despois de cambios e actualizacións permanece vixente.

Non falo de memoria. Foi pioneiro e loitador. Tiven a boa fada de ser testemuña da súa xestión. 

Te puede interesar