Opinión

Hai tempo

Adoito mirar por unha fiestra que me permite ver como mudan as cousas. Non o fago coa intención de xulgar ou criticar, mais non podo deixar de comparar, de ollar como evolucionan as circunstancias, como cambian as cousas .

Vexo un acio cargado de uvas; non admite unha máis. Pero cando lle quitamos o froito e queda a canga con dúas ou tres uvas murchas, lembro que antes era un espléndido acio de uvas. 

Tamén acontece isto coa sociedade de Ourense. Poño un exemplo de cambio. Hai anos a Semana Santa transformábase nunha forzosa manifestación popular, unha manifestación de pesar, con cerimonias e procesións ateigadas de xente, como acontece noutros lugares do país na actualidade. Só estaba permitida a música sacra ou determinadas composicións de música clásica, e mesmo o cinema aliábase co sentimento da Paixón de Cristo. Pola contra, as festas do Entroido estaban prohibidas e reducidas a pequenas celebracións e xogos de nenos. Parecía que o Entroido estaba desaparecido.

Hoxe, a Semana Santa esmorece na nosa cidade. A última procesión do Venres Santo reduciu sensiblemente os pasos de imaxes e tamén o número de fieis asistentes ao evento. No canto, o Entroido medra, e enche a capital e provincia de centos e centos de visitantes, de comparsas e desfiles durante días.

As emocións agroman de xeito singular cando se harmoniza a palabra, o ritual e a música. Dúas acreditadas institucións ben coñecidas, Igrexa e Milicia, usaron e usan dos devanditos elementos combinados. A oratoria sagrada e as arengas, a liturxia e as ordenanzas, a música sacra e as marchas militares certifican esta afirmación. Mais todo ten un tempo e unha idade 

Eu, como Serrat, admiro as “pequenas cousas”, pero estamos máis pendentes das grandes, como o andazo de Covid-19 ou a guerra de Ucraina. O certo é que as primeiras están aí pese ao “tempo e á ausencia”, como di o cantautor na canción. A cuestión é saber se volven, e nisto ten moito que ver a nosa idade biolóxica. Quen sabe o que pasará dentro de dez ou quince anos?

Cando ollamos para atrás somos testemuñas de cambios. Sempre queda o refugallo do que foi o acio, por que existe un camiño de “ida e volta” (asegura Serrat). Aínda que muden as circunstancias queda a lembranza. 

 En tanto sinta curiosidade seguirei mirando atentamente pola fiestra. E ollarei a grande cantidade de visitantes chegados nas vacacións a través do AVE. Moitos veñen gozar das termas… Iso tamén cambiou. E gardarei todo no caixón das lembranzas.

Te puede interesar