Opinión

Non son de ninguén

Discutían acotío. E finalmente as sombras da morte escureceron a vida da muller, de xeito que os seus ollos non viron máis o amencer do novo día. Pero tampouco ollaron a faciana leda do cativiño que quedaba sen nai, sen peito do que chupar e sen calor maternal.

Todo a consecuencia da reacción “inesperada” do proxenitor do pequeno, da morea de medos que “non controlaba” e que “non o deixaban acougar”… segundo algúns. Cheo de carraxe espetoulle un coitelo no peito e no ventre, unha, dúas… unha chea de veces. E os mesmos que dicían que a reacción era inesperada, afirmaban que “ lles parecía un home tranquilo”…

Enchoupouse en sangue mentres repetía sen motivo: “Es miña e non vas ser de ninguén máis”. E deste xeito a traxedia cubriu de loito o propio fogar, o dos parentes e mesmo o dos veciños. Toda unha desgracia!

Despois de aquelo abriu unha fiestra e debruzouse por ela á rúa. Quedou esmagado no asfalto diante dunhas mulleres que retornaban do mercado, provocando unha escena aterrecedora. Deseguida o lugar encheuse de ambulancias, de policías, de curiosos… Non había nada que facer, a traxedia estaba consumada.

O meniño era cativo demais para decatarse da transcendencia do acontecido. Choraba asustado polo balbordo e pola ausencia dos pais. A cuestión era quen o coidaría no vindeiro? Tivo máis sorte que outros. Quedou cuns tíos que o querían coma un fillo.

Evidentemente o home non era dono da muller. Non era o seu dono. E non quería recoñecer que tiña medo de ser abandonado, de quedar só. Era simplemente un covarde asasino.

Te puede interesar