Opinión

Xapón como referencia

Os distintos estados que integran a Unión Europea, baixo o lideradego de Alemaña, están tomando unha serie de medidas que, co argumento da crise e de equilibrar as contas públicas (desbaratadas pola axuda ao sector financeiro), rebaixan salarios, reducen prestacións básicas, e debilitan os dereitos laborais da clase traballadora. Porén, mentres as consecuencias da crise cébanse nos máis pobres, as empresas do IBEX35 gañaban 12 mil millóns de euros no primeiro trimestre do ano. Estase governando exclusivamente a prol dos máis ricos, utilizando os efectos da crise pra lle meter o medo no corpo á xente, e demonizando calquera solución que non pase por unha subordinación total á grande burguesía.


As decisións do Governo central e da Xunta de Galiza non van recuperar a economía nen o emprego, só garanten neste intre os beneficios empresariais, e tampouco terán ningún efecto positivo a medio prazo na competitividade, porque en toda a Unión están facendo o mesmo. En poucos anos teremos unha sociedade moito máis polarizada, aínda que o aspecto positivo é que estará superada a confusión inicial, permitindo que a grande maioría da xente poda distinguir entre a propaganda e a realidade. Isto está pasando por exemplo en Xapón, onde despois de máis dunha década de esgotamento do modelo a mocidade e a clase traballadora está pasando da pasividade, e buscar unha saída individual, á procurar un proxecto colectivo. Un alternativa que semella pode ser o Partido Comunista, que gaña mil novos militantes cada mes e suma neste momento 415.000.


Xapón é a terceira economía do mundo, despois dos Estados Unidos e China, aínda que seguida moi de perto por India, mais hoxe xa non é dos primeiros países en renda por persoa e acumula unha importante débeda. Perto dun 44% da poboación asalariada traballa a tempo parcial e unha moi alta porcentaxe son contratos eventuais. Malia que no exterior hai unha visión trabucada do país, ao considerar que os asalariados teñen un emprego de por vida, algo que só acontecía nas grandes empresas, mentres que nas medianas e pequenas inzaba a precariedade. Agora ben, hoxe nen sequera nestes grandes grupos económicos isto é unha realidade, xa que desde 2002 facilitouse enormemente a temporalidade. Unhas medidas que non axudaron a recuperar a economía, nen a equilibrar o déficit público.


Xapón é, como a Unión Europea, unha potencia en retroceso diante das potencias emerxentes, como son China, Brasil, Rusia e India (o BRIC). Debo aclarar que non se trata de que o nivel de vida da povoación da Unión Europea caia en picado nun ano, como pretenden facer ver os empresarios e os governos que seguen ao pe da letra os seus ditados. Con esta imaxe catastrofista, de emerxencia, queren impor medidas precipitadas e favorábeis aos intereses do capital, pra deste xeito obter o máximo lucro. En realidade o proceso terá ascensos e recuares, producíndose a medio prazo unha perda da porcentaxe que lle corresponde no PIB internacional, e polo tanto a Unión terá un menor poder político (con este modelo). Agora ben, se hoxe os efectos son tan dramáticos é porque se botaron todos os custes da crise, así como un medre dos lucros empresariais, sobre as costas das clases sociais máis débiles (asalariados, campesiños, pequenos empresarios). En poucas palabras: hai un retroceso económico que se aproveitou pra acelerar o proceso de centralización e concentración da riqueza.


En resumo, os paralelismos da andaina económica e social con Xapón son evidentes ¿seranos tamén os do fortalecemento do suxeito político?... só o tempo responderá esta pregunta, porque non hai un escenario exclusivo, xa que son moitas as variábeis. Mais todo indica que unha maior polarización dará pulo a unha radicalización da maioría social e a unha perda de peso das clases medias, con todo o que iso significa.


Te puede interesar