Opinión

A casa sen barrer

Que o patio da política anda revolto ninguén o discute. Que os das Mareas e os de Podemos andan a labazadas verbais, tampouco; que uns defenden a Maduro e outros a Guaído, tamén; que outros lanzan avisos pra xuntarse cos antigos compañeiros galegos para as europeas, pois así parece. E así unha morea de asuntos que indican que tanto a nivel galego como do Estado, o patio anda alporizado e moi revolto.

O certo é que, dende hai un tempo, parece que os asuntos desta terra teñen menor importancia e ate a verba Galicia no parlamento do Estado está agochada e non se escoita nin pra ben nin pra mal. Vamos, que a terra de Breogán non existe. Ben é sabido que tampouco se escoitaba moito anos atrás, pois as soflamas e reivindicacións políticas sempre estiveron moi lonxe do que a xente pensa e precisa, e iso alonxou a política partidaria dos cidadáns. O nacionalismo galego sempre estivo máis pendente de ser coherente coa ideoloxía política, a que se sinte moi vencellado, que a pór os pes no chan e polo tanto na realidade social. Ou sexa: a escoitar a voz dos que votan e así coller máis forza pra xogar no campo da política buscando acordos de proveito. 

E, se tomamos como referencia a época do bipartito, moito cambiaron as cousas daquela a hoxe. Mellor, cambiaron pra peor, dado que parece existir máis interese en posicionarse sobre o que acontece en Venezuela que, por pór un exemplo, en defender ós nosos emigrantes galegos que nese país o están a pasalo moi mal co réxime caótico e despótico de Maduro.

Instalado sempre na utopía, o nacionalismo galego non prende fondamente na xente porque vive moi alonxado da realidade do país e do pragmatismo necesario pra medrar electoralmente. Agora república e dereito a decidir, seica será o lema das Europeas. E así camiñamos pola vida practicando unha política máis teórica que real. Resistir con ánimo de seguir existindo pero sempre con medo a perder unhas esencias ideolóxicas que pode que nunca chegarán a bo porto. Deste xeito pódese entender que se mire con máis interese o que acontece noutros lugares que en forxar unha alternativa real e racional a Feijoo e o PP, e ás políticas recentralizadoras que se aveciñan. Caro estase a pagar o gran erro que anos atrás impediu a evolución do partido máis importante cara unha formación menos dogmática e máis aberta á sociedade. E como consecuencia veu a desfeita. E esa desfeita trouxo a situación da desaparición de Galicia do grupo de comunidades do Estado con dereitos políticos de seu. E agora toca seguir sen alternativa ó mundo conservador e centralista, o cal ignora á diversidade e os problemas reais desta terra.

O patio anda revolto en Madrid. Igual acontece en Galicia, onde non existe vontade por parte de ninguén en buscar unha unidade de acción baixo uns mínimos de consenso. E mentres, ándase a discutir que si Maduro ou Guaidó, e, coma sempre, a nosa casa sen barrer. De pena.

Te puede interesar