Opinión

A resaca electoral

Votou a xente e saiu á luz o seu veredicto. Votou con plena liberdade e sen nada que salientar, pois non houbo ningún incidente. Correos fixo moi ben o seu traballo e nada que dicir. Todo estivo dentro da máis absoluta normalidade. Chegou o tempo das análises para tirar conclusións.

O trunfo dos populares resulta ser unha vitoria moi importante, mais un chisco descafeinada. Pode que non cheguen á Moncloa e iso xa é unha derrota que pode deixar á dereita e a Vox sen tocar poder. Todo un éxito que moitos celebramos. A Feijoo a campaña fíxoselle longa, pois partiu dunha premisa que estivo asentada na descualificación, non só do presidente senon das institucións, e eso non todo o mundo ó tragou e o soportou. Creou un rechazo mobilizador da esquerda socialdemócrata e do chamado progresismo. Dado que a cidadanía quere vivir fora da confrontación e da descualificación, e non aproba o insulto e as mentiras como argumento para convencer ós votantes. Iso foi captado por moitas persoas que lembran que o PP, cos seus compañeiros de viaxe, viven contando trolas e medias verdades que auguraban un tempo de broncas e cheo de retrocesos sociais. Ademais, repetían o mantra de derogar ó sanchismo e a anulación de leis sociais que non obrigan a ninguén, mais que son necesarias nunha sociedade democrática

Agora, despois dos resultados coñecidos, a derogación do sanchismo xa é pasado.

Sánchez salvou os mobles e en certa medida reforzouse. E o que parecía un trunfo importante, deixa unha situación complexa e moi difícil para unha dereita que soamente ten como aliado a Vox e o lema “que te vote Txapote”. 

A España actual é moito máis diversa e tolerante que a dos cencerros que se agochan no odio permanente ó diferente, e que lle rinden culto, sen dicilo abertamente, ó que foi unha ditadura de carenta anos. En fin, chegou a hora da política e veremos se hai goberno ou repetición electoral. 

Achegándome ó que aconteceu en Galicia, cabe sinalar que nas dúas provincias menos desenvolvidas, Lugo e Ourense, os da gaivota arrasaron. E a pregunta que me salta á mente e a seguinte: que lle deben estas dúas provincias ó grupo que as goberna dende sempre? Os anos pasan e moi pouco ou nada teñen que presentar de progreso en todos os seu índices económicos e sociais. Mais a xente sígueos a votar. Por que será? No caso de Ourense, a decadencia provincial é moi evidente.

No tocante ó nacionalismo galego supoño que terán que facer unha fonda e sesuda reflexión se queren mellorar. Ademais de deixar de laiarse falando de que son campañas electorais moi polarizadas. Todas as campañas nas eleccións xerais están moi polarizadas. E esta moito máis. Ben sei que no BNG a verba resistencia sempre é a que sae gañando. Resistir é a súa virtude. Mais con eso non chega. Nos votantes, o cansancio de ser sempre minoría desmoraliza. E así non se vai a ningures. Galicia precisa unha forza política que, facendo unha lectura non dogmatizada desta terra, e sen ataduras ideolóxicas, sexa capaz de entrarlle na bolsa dos votos ós populares. E despois facer unha política práctica que sexa percibida polos cidadáns. Unha política que teña consecuencias positivas. E, de momento, esa formación ainda non se ve ou non naceu.

Remato, a resaca electoral deste 23X deixa un arrecendo en Galicia no que trunfa a cor azul. Tamén sinala que a Galicia mariñeira é unha cousa moi distinta a do interior. Que o PSOE, perdendo uns escanos, resiste. Que Sumar faise un oco que supera o nacionalismo galego actual, e que o Bloque debía reflexionar e trocar de rumbo se non quere ses soamente testimonio na capital do reino.

Te puede interesar