Opinión

Aquelas pequenas cousas

JOSÉ PAZ
photo_camera JOSÉ PAZ

Aquellas pequeñas cosas” é o titulo dunha das moitas e fermosas cantigas que Joan Manuel Serrat, cantautor e poeta, deixa para que, xunto con outros títulos como: “Mediterráneo”, “Fiesta”, “Romance de Currito el Palmo”, etc. reflexionemos e gocemos da música con mensaxe. Hai uns días este fenomenal artista retirouse dos escenarios despois de cincuenta anos de vida percorrendo todo o mundo. Mais segundo dixo, non deixa a música nin a composición pois cando a música se leva dentro da alma, nunca se pode arredar un dela. Mais o título desa cantiga dinos tamén que na vida hai pequenas cousas e xestos que aportan valor, e que son moi ben recibidos para desenvolver unha función concreta ou para ser máis feliz. Neste caso, falareilles do que sirve para divulgar o patrimonio monumental desta cidade; do que sirve para coñecer as súas fermosas igrexas e saber algo máis da súa historia. Pois ben: hai uns días recibín, da man do autor, un pequeno agasallo que me chamou a atención polo útil que pode ser para que os visitantes que veñen a esta nosa Auria saiban algo máis dela e, polo tanto, coñezan e valoren o seu patrimonio. Ben sei que esta laboura correpóndelle as institucións públicas e, nomeadamente ó Concello. Mais nos tempos que corren, pedirlle peras ó olmo e tanto como perder o tempo... predicar no deserto.

A cultura que ten contido e que valoriza ás sociedades e as persoas, esa, non está de moda ni é apoiada polos que mal gobernan na casa da Praza Maior. Mentres, si está de moda dilapidar os cartos públicos con actuacións de seudoartistas que venden barullo e ruído chocalleiro e que lle saen moi caros o erario.

Mais imos o asunto: o responsable da Libraría Betel, o crego Carlos Míguez, home moi versado nos temas do pasado e que ama a historia, vendo que non había unha guía para orientar á xente que pasaba pola libraría pedíndolle algo que os levara a coñecer os monumentos, especialmente os relixiosos desta cidade, decidiu pórse mans á obra e fixo este pequeno (segundo el) traballo. O libro ten oitenta páxinas con bastantes fotos, no só dos templos e igrexas desta cidade, e está moi ben documentado. E como agasallo para os veciños de Seixalbo, na parte final, adícalle un apartado a este “núcleo de valor etnográfico”. Este crego, que leva na parroquia de San Breixo pouco tempo, tomoulle apego á vila. Lugar que noutrora foi couto do bispado. En fin, un bo detalle que é digno de agradecemento. 

Dixen ó comenzo, partindo dunha das moitas e interesantes cantigas de Serrat, que as pequenas cousas e xestos que temos na vida e moitas veces esquecemos, teñen moito valor. E as cantigas acontécelle o mesmo, porque non son só música, senon porque teñen texto que ten un valor literario e descriptivo, e iso axúdanos a pensar e meditar en cuestións ordinarias que pasan moitas veces desapercibidas ou que están agochadas nalgún lugar da casa e nalgún momento marcaron a nosa existencia.

A guía que fixo o noso crego, na que por humildade non puxo o nome do autor, pode ser un bo exemplo. Pode ser tamén un acicate para as persoas que traballan de maneira altruista nesta sociedade animen a seguir no empeño. O traballo que fan as asociacións culturais e de veciños, e que dende a oficialidade non se valora, é un bo exemplo a seguir. En fin, esas pequenas cousas que di a cantiga axudan a que todos sexamos máis felices. Moitas grazas a este catalán universal e a todos os que aportan a esta sociedade chea de barullo e ruído traballos e música para que pensemos e disfrutemos da vida. Feliz 2023.

Te puede interesar