Opinión

As leiras a ermo

FOTO: JOSÉ PAZ
photo_camera FOTO: JOSÉ PAZ

Como moitos ourensáns recibo unha carta en nome do Concello comunicándome que teño que limpar unha parcela e cortar uns piñeiros que seica están a menos de 50 metros dunha chabola para gardar ferramentas que se empregan nas labores nos eidos.

Aínda que a misiva non permite alegar, e ameaza cunha sanción, contacto cunha persoa para facer a corta e a limpeza da parcela que antes era viña e hoxe está en ermo. Mais sen entrar no fondo ca cuestión, e da legalidade dos prazos, e de si a caseta tiña ou non licencia, tiro para adiante e fago o que me mandan. Mais, como a Guerra de Ucraína está en todolos medios, escoito que todo o que ali acontece terá unha grande repercusión incluso no prezo do pan. Seica somos moi dependentes dos cereais que dese pais veñen. E axiña, ó ver todo o noso sector primario en ermo, reflexiono e pregunto: o futuro deste noso sector é o mato e as silvas? Non haberá que replantexar como quitarlle un bo rendemento a esas terras que tantos e bos produtos deron anos atrás? Como non atopo respostas, doulle voltas á cabeza e, por se ós máis novos o descoñecen, lémbrolle que non hai máis de 50 anos, no que hoxe algúns chaman o Perímetro Rural, ainda estaban moi vivas as hortas. Si, das que saía o rianxo pra vender na Praza de Abastos. Estas terras eran as que maiormente abastecían á cidade nas dúas prazas que había. Ou sexa: a número un, hoxe en obras, e a dous en Ponte Canedo.

Mais a chegada da industrialización dos anos setenta, que foi positiva e ninguén o nega, fixo que o sector primario, no canto de modernizarse e adaptarse ós tempos, quedara relegado, no mellor dos casos, ó autoconsumo familiar. E agora xa non hai pementos nin tomates; xa non hai patacas, nin millo nin centeo nin a froita desas hortas tan frondosas. Que o mundo cambiou, é verdade; mais penso que a esas terras hai que buscarlle unha rendabilidade. Escoito falar moito de ecoloxía ós máis mozos; mais como me dixo o madeirista que veu cortar o meus piñeiros, vexo poucas iniciativas a nivel político e individuais que tomen o camiño de pór as terras en valor. Vexo un desleixo a tomar medidas que troquen a estrutura da propiedade da terra para buscarlle un mellor proveito. Onte, co tema da invasión rusa a un país libre como Ucraína, escoitamos falar ós lideres europeos de que temos que tratar de ser o menos dependentes dos produtos de terceiros países. Pois se ese é un obxectivo, non queda outra que potenciar e mellorar o mundo rural. E para eso hai que dotalo de medios que o fagan atractivo para fixar nel poboación e impedir que morran as aldeas e vilas. A nosa terra ten moitas potencialidades sen explotar. Ten madeira que, a día de hoxe, está sendo queimada e é minusvalorada, mentres importamos o pino laminado dos países nórdicos. 

En fin , si dentro de Galicia, Ourense é a provincia onde o sector primario está máis en declive, algo haberá que facer para aproveitar a riqueza que hoxe esmorece pola falla de iniciativas das Administración e da sociedade en xeral. Sociedade que está apalancada sin reivindicar solucións para esas terras hoxe en ermo. Gastar os cartos limpando as fincas non é a solución, ó igual que non o son as sancións. O camiño que hai que tomar é outro moi distinto. 

Te puede interesar