Opinión

Dúas formas de actuar en política

En certa medida, o atrevemento e descualificación xenérica referida a todas as formacións progresistas existentes ten un custe que, máis cedo que tarde, págase. O que nace puro coa idea de rexenerar e reformar todo, logo sofre no seu seo as disputas ideolóxicas que son sempre motivo de discordias. Este mal padéceno as formacións políticas que naceron prometendo o ouro e o mouro e a solución a todos os problemas derivados da longa crise económica e dos casos de corrupción que cada día saen á luz, casos que tanto dano lle fan o sistema democrático.

O chamado populismo político aflora con máis forza nos momentos nos que se padece unha fonda crise económica e de valores como é o momento actual. E con el aparece unha crítica a todo o que xa existía, sen decatarse de que, sobre todo, prometer e criticar é moi sinxelo. Pero nunha sociedade como a nosa plural e aberta, gobernar é moito máis complexo do que a primeira vista parece. Pois na aldea global mundial case todo está relacionado e non existe independencia total dun pais con outro nin tampouco entre as persoas. Por iso, remangarse para gobernar e solucionar problemas é algo moi distinto da prédica mitineira ou de dicir o que xente lle gusta escoitar. Evidentemente isto que digo, nas formacións conservadoras acontece menos que nas progresistas, pois as conservadoras xa teñen interiorizado que eles naceron para gobernar, pois xeralmente o poder sempre foi seu.

Agora resulta que o fenómeno Podemos debátese nunha loita interna entre os que entenden que na formación dos círculos hai dúas almas. Dúas formas de ver a política e de entendela. A primeira é a dos que din que hai que ser puros, manter o poder das asembleas e non mollarse para non contaminarse. A visión dos segundos entende que en política hai que mollarse e gobernar, co desgaste que iso implica, pois do contrario non vale a pena estar. Dúas maneiras de ver o tema, dúas formas que xeraron debates e seguen enfrontadas incluso nos partidos da nosa terra.

Isto non lle pasa soamente a formación dos círculos, non, pasa nas chamadas mareas e en case todos os partidos que naceron recentemente e aínda están na adolescencia. Pois os que teñen máis tempo xa foron solucionando estes debates incluso con rupturas. Pero neste tempo de fonda crise económica e de ideas, a sociedade sempre espera da política a solución dos problemas.

Hai uns días escoitei a un candidato desas chamadas mareas, que dicía: eu vou gobernar como queira a xente. Pero ante a pregunta sobre un problema concreto e de como podía resolvelo, a resposta volveu ser: como queira a xente. E pensei, pero eliximos ós políticos para que nos gobernen ou para que nos chamen a asembleas escasamente representativas e nos pregunten que queremos facer con tal ou cal asunto, sabendo que é imposible contentar a todos? Entendo que non. Outra cuestión sería que, para temas contados e moi importantes, se fixera un referendo municipal.

Se a política se entende como a solucións dos problemas da forma menos mala, estar en política significa asumir riscos e aspirar a gobernar. E para iso hai que madurar, facer propostas cribles e que poidan dar contestación a unha gran maioría social. O demais é vivir permanentemente nun estado sectario sen aspirar a nada, criticando case todo e vivindo de costas á sociedade. O tempo das promesas xenéricas finou para todos, polo que as formacións partidarias novas teñen que mergullarse na política institucional, e iso ten custes electorais e a moitos dálle medo escénico.

Te puede interesar