Opinión

Un Entroido permanente

Aínda que con moito frío, despois de subir o 5 de xaneiro ó cumio da capela de Santa Agueda para ollar horizontes e chamar á primavera, en Seixalbo, como en todo o mundo occidental, estamos no tempo do Entroido. Nel aflora a crítica, a esaxeración e o esperpento. Ademais do referido tamén sae a luz a personalidade agochada de moita xente. Si, esa personalidade que moitas veces sinala o que un quixera ser pero non pode ser. 

O Entroido é un tempo de liberdade e transgresión da norma; tamén é xolgorio e crítica, chanza e respeto. A diversidade desta festa, moi vinculada hai anos ó mundo rural, agora convirtiuse nun fenómeno plenamente urbano que permite albiscar o retrato dunha sociedade diversa que emprega a festa para fuxir dos problemas que a achuchan a cotío. 

Claro que, despois de ver moitas novas referidas a feitos e a cuestións que nos afectan como sociedade e que saen nos xornais, un pensa que nalgunhas institucións o Entroido bufo está presente durante todo o ano ou, se o prefiren, todo o mandato de catro anos. Se tomamos como referencia a vida política, atopamos cuestións que parecen asuntos e trolas do Entroido, pero que acontecen nos lugares onde se tiñan que debater cousas serias. Agora que estamos en precampaña electoral saen á palestra persoeiros que foron autoridades hai un tempo, e que deixaron tras de sí moitas cousas negativas. Penso no sr. Aznar, o das armas de destrución masiva. Tamén no sr. Rajoy, que rescatou ós bancos cos cartos da bolsa dos pensionistas. En fin, xente que ten o seu lado escuro e que o tempo e a historia reflexiva os porá no lugar que lles corresponde. 

Mais, seguindo que estamos ás portas do Entroido, petan na miña memoria as verbas do líder da oposición, sr. Feijoo. Hai un tempo dixo unha frase que anticipaba o Entroido permanente nunha institución municipal: “Jácome sería letal para Ourense”. E tiña razón, pois estaba anticipando que no Concello das Burgas, en cada pleno, o esperpento entroideiro daría moito que falar. E así levamos case catro anos de Entroido na casa consistorial. Nese lugar os improperios, o non deixar falar á oposición e interrumpila permanentemente, xunto a verborrea dun alcalde en absoluta minoría e que está rexeitado por 23 concelleiros dos 27 que forman o pleno, campa as súas anchas. Un alcalde que cualifica e descualifica ós demais concelleiros cando e como lle peta; que fai que os plenos se parezan a unha comedia mala onde nunca se tratan os serios problemas dos ourensáns. As veces, penso que a oposición debía fuxir dese salón nobre e deixar só a quen mangonea o micro cos seus secuaces. Marcharse e non participar nesa triste e burda comedia.

 En fin, estamos en precampaña electoral e parece que todo vale e as trolas do Entroido comezan á saír á luz en forma de promesas. “Teredes autobuses gratis”, dixo o rexedor, sen aportar datos do custe cando estaba vixente a concesión para ver a gran diferencia económica co que propón. Teredes un Aquapark para gozar da auga; teredes o sol, a lúa e as estrelas, pero vótademe que son o que máis e mellor fala; son o que máis trolas conta. Non vos estrañedes se anuncia axiña que fará un metro soterrado dende o Pino a Seixalbo. Total, todas as promesas que fixo antano, levounas o vento. En fin, agucemos o sentido para distinguir o grao da palla, que alternativas hainas para deixar atrás esta noite escura e bretemosa. 

Te puede interesar