Opinión

Erro histórico

O acontecido coa votación da reforma laboral hai uns días, ademais de sacar á luz trampas que lembran ó “tamallazo” que hai anos aconteceu na Asamblea da Comunidade de Madrid, pon de actualidade cuestións que poden pasar factura aos partidos que emitiron un voto contrario a validar o decreto desa reforma. En primeiro lugar temos que lembrar que o Partido Popular, dunha maneira clara e rotunda, afirmou que cando tocara poder volvería a reformar esa lei e retrotraela a como estaba antes desta reforma que saiu adiante polo erro dun deputado dese partido. Ou sexa, saíu polos pelos e veremos se o asunto queda como está. Os populares e a extrema dereita e os demais votaron conxuntamente.

Pois ben, diante o panorama dun acordo entre a patronal, os sindicatos e o Goberno, a chamada esquerda e o PNV optaron por ir contra os avances que aporta a devandita reforma. E fixérono porque non cubría as súas expectativas, descartando absterse que é o que parecía máis normal.

Segundo os grupos alcumados progresistas e de esquerdas, incluíndo o BNG, a reforma quedábase moi corta e era un pufo pois non chegaba a cumprir os obxectivos e reivindicacións que estes esperaban. Mais na súa crítica evitaban falar dos aspectos positivos que tiña. Ou sexa: que admitían e sabían que daba pasos positivos que melloran a vida laboral de milleiros de traballadores; mais ainda así votaron en contra.

Pois ben, se isto é así, e si o Goberno descartou aprobala como proxecto de lei, no que caberían retoques e polo tanto modificacións ás que non estaba disposta a chegar a patronal, por que a postura tan negativa? Que beneficios lle aporta aos grupos políticos que saben que, de non contar cos socialistas, non van cheirar poder nin a gobernar en ningunha institución importante. Non sería máis oportuno optar por un pragmatismo político e votar abstención? As veces costa moito entender a vida política neste Estado. Cando existe a posibilidade dun acordo que teña duración, impóñense as posturas que non levan a ningures... ou si, impóñense as que levan ao enfrontamento. Moitas forzas políticas non escoitan nin recollen o sentir da xente e da rúa. Grupos que viven nunha endogamia na que soamente se escoitan a si mesmos. E así lles vai. Claro que, ao mellor están moi cómodos sendo sempre oposición, pois o feito de asumir a realidade de gobernar trae moitos compromisos e contradicións. Vivir ancorado no non e conformarse con ser un berro discordante vale de moi pouco. Ise posicionamento soamente amosa debilidade e medo a tomar posturas que teñen riscos.

En fin, veremos se o voto en contra da reforma laboral non lles pasa factura como aconteceu no veciño Portugal onde a esquerda utópica provocou convocar eleccións. Erro histórico por parte da esquerda e os nacionalistas, incluíndo ao BNG, votando coa dereita e coa extrema dereita contra unha reforma que beneficia a milleiros de traballadores. E iso vanllo restregar na cara moitas veces. De pena.

Foto: José Paz

Te puede interesar