Opinión

O falar non ten cancelas

Sempre se dixo que o falar non ten cancelas. Ben sei que é un dito popular; mais no fondo agocha certa sabedoría e por iso hai que telo en conta. Outro dito di que a culpa sempre quedou solteira, pois poucos dos que nos gobernan teñen a humildade de recoñecer erros e asumir que as cousas funcionan mal pola súa responsabilidade.

Ós gobernantes desta cidade do interior galaico cústalles moito asumir erros e responsabilidades. Sempre haberá a quen cargarlle o morto para fuxir das preguntas incómodas. O falar nunca tivo límites e menos na política. Agora resulta que nesta urbe todo funciona ás mil marabillas. Tamén todo se vai arranxar aínda que esteas en minoría e non sexas capaz de armar un proxecto sólido para afronte as grandes carencias que temos pendentes dende hai anos..

Eso si, seica temos moi boas festas e estamos tan satisfeitos que brincamos de ledicia. Mais vendo algunhas das contestacións do que dixo o noso alcalde ás preguntas neses “Diálogos polo futuro da economía ourensá” resaltarei unhas cantas para que se dean conta da categoría do persoeiro en cuestión. A primeira é que as comisións sempre as haberá, pois ou as levan os técnicos ou o político, pero sen dar non quedan. A segunda afirmación é que os funcionarios son todos uns vagos. E a terceira: o poder teno que ter o político, pois se non asúmeo o funcionario. E por último, no tocante ás festas: “Son moi boas porque as organizo eu, que controlo o tema”. 

Pois ben, referíndome á primeira, a resposta deixa implícito que se as comisións -ou sexa: dádivas, agasallos ou mordidas- sempre as haberá, o rexedor está asumindo que son unha realidade no Concello e que alguén dos grupos nomeados recíbeas. E polo tanto que na vida da política local, que é á que me refiro, alguén as cobra. O que ven demostrar que as corruptelas existen e están en pleno vigor. Dedúcese que hai quen fai caixa a marxe do soldo que cobra. Quen será? 

A segunda aseveración é que os funcionarios todos son uns vagos. Home, supoño que haberá funcionarios que cumpren co seu traballo e algúns que poden ser uns vagos, ou uns incumpridores. Mais todos... paréceme unha esaxeración. Sobor de todo cando antes de que fose alcalde Jácome as cousas ían mellor ca hoxe no Consistorio. Penso que eso debía merecerlle unha boa reflexión. 

Tocante á terceira: di que o poder teno que ter o político pois do contrario quen o ten é o funcionario. Desta afirmación dedúcese que o alcalde pensa que o Concello é unha empresa privada que funciona polos mesmos parámetros co seu negocio, cando non é así. A empresa pública ten uns obxectivos diferentes á privada. E aínda que o poder ten que telo o político, sempre está sometido á lexislación vixente ó seu cumprimento. Non pode facer o que se lle ocorra ou veña en gana. Non pode saltarse a lei, mentres o funcionario está plenamente sometido as normas en vigor e ten que acatalas, pois non ten decisión propia. 

O falar, ou se o prefiren, a verborrea cando é excesiva chega a ser como palabras ó vento que carecen de credibilidade. E o noso alcalde, de verborrea vai ben, de credibilidade anda moi escaso e, sobor de todo, carece de humildade para recoñecer os seus erros. Mais os feitos, por moitas pequenas obras que faga, non deixan de amosar unha debilidade no seu haber que avergonza a moitos ourensás. Falar de que organiza festas como un gran logro, resulta nimio e case vergoñento, e lémbrame aquelo de pan e circo. A pobreza e carencia de sensibilidade para distinguir entre cultura e diversión, entre un goberno con proxecto de cidade que busca consenso e que se enfronta ós grandes problemas de Ourense con outro que improvisa e que non sabe discernir entre o importante e o anecdótico, sinalan que en Ourense nin hai proxecto de cidade nin vontade de afrontar os graves problemas que o Concello arrastra dende hai máis de oito anos. De pena. 

Te puede interesar