Opinión

Falaron os andaluces

Entendo que a valoración dos resultados das autonómicas en Andalucía amosa diversas lecturas, aínda que os datos sexan bastante concluíntes. Despois de perder máis de cen mil votos, os socialistas gañaron a partida claramente. Polo tanto, no sur da península o cambio que moitos prometían e desexaban, trocouse en continuidade. As razóns indican que non lle ofertaron algo crible e ilusionante ós cidadáns, e estes preferiron o xa coñecido e obviaron o que estaba por coñecer. Por iso o éxito de Susana Díaz non é cuestionable.
Se ben o bipartidismo parece que sofre fendas, o certo é que non é tanto como se di, alomenos pola parte da chamada esquerda. Pois se o éxito de podemos lle sumamos ós votos de Esquerda Unida, a suma supera en moi pouco ós votos que no seu día acadou Julio Anguita nesa terra como candidato de EU.
Polo demais, pouco novo que contar, salvo a contundente derrota dos populares. Con todo, se a irrupción de Podemos case liquida a Esquerda Unida, veremos se no futuro é capaz de mellorar ise resultado da suma das dúas forzas. Se así o fai poderá ser alternativa ó PSOE. Non obstante, o que si parece moi importante é a representación acadada por Cidadáns, pois gaña dúas bazas moi interesantes á vez. Unha: elimina a un grupo competidor como UPyD. E dúas: atrae un sector importante do voto dos populares. Co que a un PP cheo de problemas internos e corruptelas, lle aparece un serio competidor que pesca no seu caladoiro cunha linguaxe diferente e propostas diferentes, razoadas e realistas.
Hai quen di que se rachou co bipartidismo, pois creo que non é así. Apareceron novas forzas políticas que chegan a Andalucía con savia nova e gañas, pero si acaso racha o bipartidismo, vaino facer primeiro pola dereita que pola esquerda. En Euskadi, Cataluña e Galicia o bipartidismo estatal xa rachou hai varios anos.
Falaron os andaluces e, despois das ofertas que as diversas formacións políticas lles presentaron, optaron pola continuidade, pois son sabedores de que os proxectos de cambio que lle lanzaba a dereita non eran cribles. E preferiron seguir, como mal menor, como estaban. Agora queda saber que acontecerá nas municipais. Nas eleccións do 24 de maio veremos se a irrupción deses novos partidos ten o mínimo éxito para implantarse na vida dos concellos e crear unha estrutura organizativa básica e duradeira no tempo. Veremos se as novas formacións son capaces de implantarse facendo ofertas serías e cribles para a nosa terra. Cuestión que dubido seriamente. Aínda que non o pareza, estamos a vivir unha nova época de recentralización política, algo que é moi negativo para Galicia como comunidade histórica.
De momento, para eses comicios, todo ise balbordo de Mareas máis parece unha gaiola de grilos que algo serio con visos de futuro. Exemplos témolos moi preto de nós, onde se poñen unhas normas e logo non se acatan os resultados, pois non eran os esperados.
Os partidos políticos teñen moitas eivas, moitos defectos que corrixir, pero vólvense a presentar a unhas eleccións e poden ser castigados ou premiados. Os outros experimentos, xa veremos.

Te puede interesar