Opinión

A festa dos foros de Seixalbo

Primeiro foron as conversas na casa coa miña nai e as súas irmás. Elas contaban a historia do seu bisavó Fernando Freire Carril con certo orgullo. Falaban da súa loita contra a carga dos foros. Loita pola que se librou a Seixalbo do pago dos 500 moios de viño anuais ó bispo e a Catedral de Ourense. A esas conversas e achádegos documentais na casa onde hoxe vivo sumáronse ós relatos de Luis Cid Rivo, historiador de todo o que acontecía en Seixalbo. Logo veu a visita ó sartego esquecido onde moran as cinzas do mentado Fernando e o seu fillo Constantino Freire Vide, crego. Sártego de pedra que estaba tapado pola maleza nunha esquina do cemiterio e que o crego da parroquia non sabía de quen era. 

A continuación naceu un traballo de recollida de datos da Vila e Couto que foron a base do libro editado por Agromadas: “Seixalbo, anacos do pasado”, de Marga Seara, Elena González Iglesias e un servidor. A todo o anterior seguíronlle os documentos do xuízo dos veciños contra o Cabildo e o bispo de Ourense atopados no Arquivo Provincial, que aportaron máis luz sobor do tema. E asi naceu un resume do xuízo en verso chamado “Romamce de Seixalbo”. Este romance tiña como obxectivo que a súa lectura prendera na memoria colectiva e se transmitira de maneira oral as novas xeracións. 

Logo, a directiva de Agromadas, a proposta dun membro, decidiu no 2006 facer a representación e a primeira festa dos foros na praza do Cabildo. Lembro que aquel ano non houbo festa do San Xoán, polo que os foros naceron como unha alternativa distinta ás festas tradicionais, que son moi custosas. E dende esa data, coa excepción do ano da pandemia, Seixalbo celebra unha festa distinta pero moi participada lembrando o fin e a sentencia definitiva do xuízo dos foros. Sentencia que foi publicada no Boletín da Provincia o 30 de xuño de 1859 despois de vinte anos dun preito que pasou pola Audiencia de Ourense, A Coruña e rematou na capital do reino.

No ano de 2009, a directiva de Agromadas aproba poñer en marcha o premio Freire Carril para distinguir as persoas e entidades na defensa da Cultura, en especial a galega, e todo aquelo que sexa un ben común para a sociedade. A distinción consiste nunha figura en bronce feita polo escultor ourensán Manuel Buciños. E dende esa data, coa excepción do ano da pandemia, Seixalbo sigue a distinguir ás persoas e entidades que defenden o público e traballan polo común e pola cultura desta nosa terra.

A festa consiste nunha representación teatral que, nos primeiros anos, facía referencia o tema foral. Na actualidade, cada ano é distinta. Mais a clave do seu éxito radica na participación da veciñanza na representación que se fai no auditorio aberto de Penouzos. O día seguinte é a entrega dos premio no local da Asociación e, posteriormente, lembrando as adegas e o traballo do viño, hai un percorrido con música polas rúas do lugar rematando na praza do Cabildo onde hai un concerto de música.

Dende hai uns anos, buscando implicar a mocidade no evento, a xuventude é a que organiza a parte festiva, quedando para Agromadas a representación teatral e o premio. 

Da Festa dos Foros, ademais de lembrar un pasado de unidade fronte a unha situación inxusta, pódense sacar varias conclusións positivas. A primeira é a participación dos veciños nos actos organizados: eles son os artífices dunha festa que se fai sen axuda institucional algunha e cun custe moi cativo. A segunda é lanzar un modelo de festa que fortalece a convivencia e a unidade veciñal, pois hai que lembrar as ceas que se fan na rúa por zonas do núcleo axudan a socialización e a convivencia social. E a terceira é poñer a Seixalbo no mapa das actividades culturais de toda Galicia. Compre lembrar que, ate o momento, son nulas as actividades que o Concello fai no único núcleo etnográfico que ten catalogado.

 En fin, as festas, ademais ter unha función lúdica, fortalecen a convivencia veciñal e axudan a coñecer feitos salientables do noso pasado, como foi a loita antiforal.

Te puede interesar