Opinión

Lembrando cousas do pasado

Vivir sempre tratando de intuír o futuro é un obxectivo que todo ser humano ten e que se acentúa cando chegan os anos. As experiencias vividas traen a bagaxe que non se ten cando un é máis novo. Por iso, sabedores de moitas cousas que xa quedaron lonxe, para ollar cara onde imos como sociedade sempre lembramos feitos que marcaron a vida social da nosa adolescencia e mocidade. E seguindo esa liña, son moitos os que asaltan a mente. Son imaxes que, a pesares dos anos, están vivas na retina. 

Agora que andamos no tempo da Coaresma véñenme á memoria o que neses anos sesenta acontecía nas parroquias, e mesmo na cidade. A relixiosidade comenzaba tapando as imaxes nas igrexas e situándonos nuns días onde o medo, nos máis novos, acubillaba ó escoitar as prédicas e as mensaxes que dende os púlpitos se lanzaban. Eran os tempos dos predicadores que viñan ás parroquias a soltar as retóricas que falaban do pecado e as consecuencias do inferno. Logo, o Xoves e o Venres Santo, as procesións cos cantos de “perdona a tu pueblo Señor...” E o desfile no que daquela participaban os soldados do rexemento Zamora Nº 8 desta capital. Todo iso dáballe á Semana chamada Santa e sobor de todo ó venres un alo de tristura que, á vista dos tempos actuais, parece excesivo e mesmo atípico. Pero o que máis lembro era o sentimento de medo que se instauraba na sociedade. Daquelas, na cidade poucos podían ir de vacacións e na zona do rural esas datas aproveitábanse pra traballar nas leiras e hortas e, á tarde, había que ir ós oficios. Con todo, para min, por ser un melómano, era o momento no que a través da radio podía escoitar música clásica e obras de autores como Bach e outros, pois para moitos era difícil ter discos de vinilo. E neses días de penitencia, non se podía escoitar a que se chamaba música lixeira.

Moito cambiaron as cousas no social, no relixioso, no político e na mellora de servizos e adquisición de bens dende os anos sesenta. Moito evolucionou a sociedade e con ela mudaron as costumes que daquela campaban. Eu entendo que para ben. Mais supoño que haberá quen pense o contrario. Con todo, como vivimos nunha sociedade moi plural, non queda outra que camiñar adaptándose a cada tempo. Entendo que no aspecto espiritual á Igrexa, que daquela o dominaba todo co amparo do réxime, tamén terá que mover ficha para adaptarse ós tempos. Daqueles anos a hoxe media un mundo de distancia, e soamente hai unha xeración polo medio. 

Dixen que, coa experiencia, os humanos temos máis capacidade para intuír o futuro, pois partimos do vivido nuns tempos onde as estreiteces económicas e mentais amparadas polo pensamento único estaban á orde do día. Pois ben, transmitámoslle ós nosos fillos e netos a evolución social da que fomos testemuñas. Elen deben saber de onde vimos e as situacións de todo tipo que pasamos, para que valoren mellor o que hoxe teñen e o esforzo social que custou acadalo. Desa maneira terán unha base para ir intuíndo o seu futuro, pois sen coñecer o pasado é imposibel.

Te puede interesar