Opinión

Música e costumes tradicionais

Con moita frecuencia, e sobre todo agora na celebración das festas, escóitanse alusións a defender modas, músicas e costumes recentes que, por se repetiren varios anos seguidos, pretenden acadar a categoría que as define como elementos tradicionais dunha sociedade. Esta cuestión que parece non ter importancia, si ten o seu aquel, pois a confusión existente entre o que é tradicional e o popular leva a que se cometan erros un tanto grosos. Popular, a día de hoxe, pode ser o decibelio festivo e as súas melodías cheas de volume con letras chocalleiras nas que non faltan os berros e os exabruptos. Mais de tradicionais, aínda que canten en galego e tomen como referencia unha melodía coñecida da terra, nada de nada.

Humildemente tratarei de aportar algo de claridade sobre este asunto, dado que nin todo o popular é tradicional nin, pola contra, todo o tradicional é popular, aínda que parezan termos semellantes. O primeiro que hai que considerar é que todo o que é tradicional está recollido nos libros etnográficos e nos cancioneiros; e como primeira cuestión carece de autor coñecido, pois pertence á colectividade. Ben é verdade que puidera acontecer que, no seu nacemento, tivera, autor, pero ó non quedar explícito e perderse no tempo, pasou a memoria colectiva e a engrosar o patrimonio dun grupo humano que ben puidera ser un pobo, unha etnia, etc. Pasou a formar parte dese fondo inmaterial que define costumes, expresións musicais e sentimentos dun lugar, espazo xeográfico e das súas xentes.

Pola contra, a confusión aparece, sobre todo na música, cando melodías que son moi populares e prenden na memoria aínda que sexa temporalmente, e por telas escoitado ate a saciedade, estas son consideradas, erroneamente, como algo tradicional. Porei varios exemplos: “Mi carro”, a popular canción que divulgou Manolo Escobar, ou a “Macarena” son cantigas moi populares, pero nunca serán cantos tradicionais, e polo tanto non pasarán a formar parte dese fondo inmaterial, neste caso do pobo andaluz, pois ámbalas dúas teñen autor rexistrado.

Non obstante, pode acontecer que o que foi popular, aínda tendo autor, se este pasa o esquecemento, co tempo e, por ter prendido na memoria colectiva, pode aparecer nalgún cancioneiro como tradicional. Na nosa terra temos un exemplo que a día de hoxe é motivo de controversia. “A rianxeira” aparece nalgún cancioneiro como unha melodía tradicional, mais hai documentos que indican que a cantiga que naceu co nome de “Ondiñas da ría”, foi escrita por Anxo Romero Loxo cun texto de Xexús Freiro Dourado “Pinciñas”, para recibiren a Castelao na Arxentina cando chegou como exiliado.

En fin, ás veces os termos popular e tradicional son confundidos, pois frecuentemente unha música que se repite varios anos nun pobo, a xente comeza a considerala tradicional cando non é así. A día de hoxe, con tanta modernidade aparecen modas, expresións, músicas e feitos que se repiten e poden parecer, por perdurar un lustro ou dous, que son costumes que acadan a categoría de tradicionais. Pero, aínda que o pareza, non son elementos que poidamos incluír en tal categoría. Será o tempo e a sociedade a que defina a súa inclusión en tal lista, pero terán que superar o filtro dos anos.

Te puede interesar