Opinión

O puzzle ourensán

Todo problema, e neste caso político, deixa unha porta aberta e pode ser unha oportunidade para, sabendo aproveitar a situación, mellorar e ampliar o espazo electoral e chegar a grupos sociais que nunca te votaron. Os grupos políticos que levan anos na oposición, por aquelo de ter medo a posibles incoherencias e tamén por considerarse gardadores das esencias ideolóxicas, ás veces arrédanse das situacións de goberno poñendo trabas moi altas, pois pensan que canto máis mal mellor; claro, ate que eles tomen o poder.

O caso do resultado das eleccións na cidade de Ourense pode ser un bo exemplo da diversidade social e de atoparmos nunha situación esperpéntica que precisa unha solución urxente por parte das formacións políticas con representación nesa institución. E diante un problema desta magnitude, só queda unha postura: remangarse e buscar acordos que corten o deterioro dunha institución como é o caso do Concello e, incluso, da Deputación. No primeiro caso é porque xa non se pode chegar mais lonxe no desgoberno e no disparate; no segundo, o poder exercido durante moitos anos permite moitas extralimitacións. 

Se os tres grupos PP, PSOE e BNG son conscientes de que hai que arredar a Jácome da alcaldía, o acordo ten que ser realidade xa. Se o caso de Ourense enmárcase nunha situación especial, ningún dos tres grupos pode xustificar a súa postura contraria a un acordo de mínimos, cun goberno de concentración ou en minoría de dúas forzas políticas, sendo votado na investidura polos tres grupos sinalados. Dixen hai uns días que a política sempre é a posta en marcha do mal menor, pois nunha sociedade plural como a nosa é moi difícil atopar unanimidade electoral total. Deixar que se deteriore unha institución coa idea de que o grupo X chegue ó poder é un erro moi grave. Nunha negociación todo o mundo ten que ceder. O que non vale son os purismos e deixar que se pudra a situación.

Pola configuración da actual corporación, hai quen mellorou no número de representantes, máis tamén cabe que medrara en base ao que se chama un transvase de votos do competidor e próximo no ideolóxico. Pero se o grupo que mellorou non é capaz, pola súa cerrazón ideolóxica, de abranguer e chegar a novos votantes, pouco se avanza. Se eso acontece e o seu posicionamento político segue a ser non remangarse e axudar a saír da situación actual, pode que o pague no futuro e mal imos os ourensáns.

Ás forzas políticas que viven sempre ancoradas na oposición, chega un momento que non son útiles socialmente. E se o medo a rachar ise estatus persiste, nunca chegarán a seren decisorias e menos maioritarias. Serán muletas de outros, nunca levarán a cabo o seu hipotético e ideal programa. 

A situación que hoxe acontece na cidade das Burgas precisa de valentía a prol dunha cidadanía que, votando opcións distintas, ganoulle o referendo a Jácome: ganoulle o plebiscito. Lembrade: Jácome contra toda a mafia de partidos. O puzzle ourensán é unha oportunidade para deixar atrás un pasado que impide un futuro mellor para todos. Mais eu atisbo a decepción con escusas varias. E se non hai pacto a tres, Ourense non irá a ningures. 

Te puede interesar