Opinión

Os pasos de peóns na OU 105

Un compañeiro, técnico da administración, comentábame que con moita frecuencia a inflexibilidade dalgúns funcionarios profesionais ó facer a lectura dos manuais e aplicar os regulamentos, sen ver as necesidades reais da xente, crea máis problemas que aporta solucións. Esta aseveración ven a conto pois, nas andainas que damos dende Seixalbo ate a zona do Pino, con suma frecuencia ó ter que cruzar a estrada OU 105 percibimos a ausencia de pasos de peóns, o que obriga a moita xente a ter que cruzar a calzada vulnerando as normas a poñendo en risco a súa integridade física.


Hai varios meses, os veciños de Seixalbo e zonas limítrofes coa estrada mencionada manifestáronse amosando o desacordo co que consideraban un pintado perxudicial para a mobilidade e seguridade na estrada. E despois de varias xuntanzas dos membros da Asociación de Veciños de Seixalbo coas autoridades e persoal da Xunta, retocaron nos cruces o pintado da vía. Pero deixando polo menos dúas zonas importantes sen solucionar a seguridade dos peóns. E todo por mor de non eliminar o carril lento que vai dende a zona do tanatorio As Burgas ate a entrada principal de Seixalbo. Pois tal como está hoxe, os peóns que cruzan para coller o autobús urbano á saída do tanatorio, que son moitos diariamente, non lles queda outra que cruzar a estrada poñendo en perigo a súa integridade física. Igualmente acontece á altura do garaxe de Autocares Alfer, onde o paso de peóns que había foi eliminado. E todo porque o carril lento seica impide que nunha estrada onde existe haxa pasos de peóns.


Pero o máis curioso de todo este asunto é que, onde empeza o carril lento hai unha limitación de 50 quilómetros por hora, co que hai que subir á mesma velocidade polo carril do medio que polo lento, quedando eliminada a función de desatasco deste. E como ó existir un carril lento e un de velocidade, a chamada a aumentar a velocidade é un feito real, os axentes de Tráfico, sabedores desta debilidade, colocan o radar neste punto e teñen un lugar substancioso para poñer multas.


Lembro que esta estrada, antes N-525, tiña uns arcéns anchos, cómodos para os viandantes. Pero foi na década dos 70 do século pasado cando os arcéns foron pavimentados e se aumentou un carril de subida. Eran os tempos de todo para os vehículos, e os peóns que se buscaran a vida. Tampouco daquelas había o desdobramento da N-525, nin as autovías como agora, polo que o tráfico pesado viña pola estrada OU 105. Pois ben, agora que esta estrada funciona como unha rúa, pola que a gran maioría de tráfico é lixeiro, necesita unha remodelación no pintado, eliminando o carril de subida e restituíndo o arcén que tiña. O carril mencionado é totalmente innecesario, por pasar por unha travesía, pois reitero que dende o inicio a velocidade está limitada a 50.


En fin, como di o meu compañeiro, os técnicos ás veces aférranse ó libro, e as demandas dos peóns seguen sen escoitarse. Agora soamente falta que os axentes sancionen ós que cruzan a estrada para coller o autobús por facelo indebidamente. Antecedentes hai, pois no Cumial sancionaron a un señor por cruzar para ir á panadería. En fin, neste país cousas veredes. Creo que sería unha boa decisión eliminar un pintado inútil e dotar de paso de peóns a esta estrada, polo menos onde hai paradas do bus urbano, pois a xente se o quere utilizar non lle queda outra que cruzar a rúa como sexa.

Te puede interesar