Opinión

Saudade cultural

Pasado o San Lázaro e achegándonos á Semana Santa, tempo de reflexión relixiosa para moitas persoas e de vacacións para outras, véñenme á memoria aconteceres e feitos culturais que na nosa cidade hoxe están desaparecidos e que deixaron pegada anos atrás. Feitos que, para moitos ourensáns, son totalmente ignorados, e nese paquete meto ás autoridades que gobernan o Concello. Dende esa institución soamente entenden o feito cultural como a promoción da diversión e a festa chocalleira, e fano dende unha visión populista co obxectivo de converternos a todos en masa uniforme manexada ó antoxo dos que moven os fíos dos distintos poderes que existen.

Ben sei que, nos tempos que andamos, case todos vivimos un tanto obsesionados polo desfrute máis banal, que é aquelo que vende e que non deixa espazo para o sosego, a cultura e o pensamento sopesado e racional. 

Buscando actos culturais e tamén musicais que non sexan os do chunda chunda, por aquelo de que en Ourense cidade pouco hai que ver e escoitar, achegueime ate Xunqueira de Espadanedo coa intención de asistir a un concerto dun grupo ourensán que practica a música de calidade, que non é frecuente nos medios nin se escoita a cotío. E a verdade é que viñen satisfeito, pois o coro de cámara Cantántibus agasallóunos na igrexa do mosteiro dese lugar cun concerto que soubo a gloria. Os oito compoñentes coas súas voces transportáronos a momentos e épocas distintas ás de hoxe. A diversidade do programa, que abranguía autores que ían de Palestrina e Bach ate composicións do galego Xulio Domínguez e do vasco Javier Busto, déronlle brillo a un concerto sinxelo e moi interesante. En fin, foron tres cuartos de hora fermosos que trouxeron á memoria non só músicas, senon que deron pé a lembrar aconteceres e ciclos que foron realidade no mundo cultural da cidade das Burgas e que hoxe xa non existen. Lembrei os certames de música sacra, e como non, tamén os tempos nos que na cidade había moita máis programación cultural e que esta tiña un criterio e marca ourensá. Acordeime dos venres do verán, da existencia do grupo de teatro Valle Inclán, dos concertos da Filarmónica, dos certames de guitarra de Caixa Ourense, das xornadas de cinema, dos campionatos internacionais de Villar, dos concertos da Banda de Música que hoxe non existe, das semanas culturais do Orfeón e podería seguir enumerando máis. Pero os tempos mudan e os gobernantes tamén. Quen o diría: a cidade de Ourense contratando unha banda de música pra un acto institucional. E o responsable da súa desaparición, na cadeira de mando do Concello. Manda nabo na Habana. 

E pregunto: existe algunha cultura local para amosar nesta cidade? Levo tempo afirmado que seguir promocionando soamente a cultura estandar é un grave erro, que a cultura é algo máis que festas chocalleiras con grandes masas de público, que as poucas entidades culturais existentes hai que promocionalas e axudalas, que hai corais, e boas, que se manteñen únicamentre coa aportación dos coristas, mais sabedor de que isto é como pedirlle peras a un escambroeiro. Percibo que somos unha cidade cada día máis gris, unha cidade que non ten aspiracións. Para atopar actos culturais agora temos que ir ás vilas da provincia. Estamos ás portas dun tempo para reflexionar; que cada quen o faga como lle pareza, pero débese saber que, cando nunha cidade non se promociona a cultura, é un indicativo de que algo funciona moi mal. É unha sinal de que nos estamos embrutecendo e convertindo en masa sen criterio é, polo tanto, maleable ó antoxo de outros. De pena. 

Te puede interesar