Opinión

Tempo de lecer e reflexión

Lembro que nas clases de Filosofía, o profe afirmaba que para poder reflexionar e filosofar, había que estar nun estado semellante á folganza. Ou sexa, non estar obrigado polo traballo. O obxectivo era distanciarse das cousas ordinarias e ver a vida dende unha perspectiva distinta para facer propostas razoadas ós problemas humanos.

E seguindo a premisa de distanciarme da ideoloxía partidaria e mirar a realidade social dende unha fiestra distinta, vexo a sociedade de hoxe como unha masa social moi manipulabel que actúa, máis que pola razón, pola forza dos impulsos; que valora máis o lecer máis banal que o esforzo individual e colectivo, e todo elo sen decatarse das consecuencias que diso se derivan.

Diante as calamidades da guerra, neste caso de Ucraína, e das súas consecuencias, por estar moi distantes do conflito, caemos no erro de menosprezar o que pode devir para Occidente se a razón do máis forte se impón. Ou sexa, a teoría da destrución fronte a do dereito internacional; a da imposición fronte a da liberdade dos pobos a elexir o seu destino. De ser isto así, parece que a sociedade non se decata de que, no mundo libre podémolo pasar moi mal se a liña da forza se impón fronte a da razón e fronte a defensa dos dereitos humanos.

Vexo tamén que no noso Estado a ausencia de ética e de principios permítelle a algúns privilexiados facerse de ouro a costa do sufrimento dos demais. Un rapaz de familia ben dixo que é perfectamente legal dar “pelotazos” e gañar cartos por facer de intermediario para mercar tapabocas cando morría xente a esgalla. Isto implica santificar fraudes económicos como o que fixeron na Comunidade de Madrid durante a pandemia.

E seguindo este camiño, tamén percibo que, no eido máis próximo, que é a nosa cidade, as mentiras na política son o caldo de cada día. Pois en Ourense, Jacóme cólgase medallas mentres insulta ós compañeiros que o manteñen na poltrona. E pregoa que é o que ten as ideas, que é o que fai todo e que é o que arranxa todas a cousas que están mal. Vamos, que temos un alcalde que falando é un crack e contando trolas tamén. E neste contexto titiriteiro, que é no que se converten os plenos en Ourense, este señor anima a que outros denuncien ós concelleiros da oposición. O asunto é desfacela.

As cousas no noso día a día son así de retortas. Mais hai quen por unha pequena subvención axeónllase e fai o traballo escuro que lle mandan e, pola contra, hai quen seguindo os seus principios marcados por unha ética non denuncia e deixa pasar que lle chamen matón e macarra.

En fin, o profe dicía que para filosofar había que distanciarse dos problemas e velos dende unha óptica distinta. E agora que estamos no que foi un tempo de reflexión cristián, digo foi, pois hoxe en día é un tempo basicamente de lecer con certo grao de folclorismo -e nalgúns casos histérico-, pode ser un bo momento para meditar sobre a situación da humanidade e pensar como actuamos no día a día todos.

Ben sei que, despois de dous anos case pechados, precisamos saír, cheirar as flores e ter contacto coa natureza. Precisamos falar uns cos outros, vernos e falar. Mais iso non é impedimento para que, dalgunha maneira, fagamos unha autoexploración de como actuamos na vida e miremos ó noso arredor para decatarnos de distinguir na política o grao da palla. E se é posibel arredar de nos os fanatismos desa xente que so ve a súa verdade, e que son os que ameazan a sociedade das liberdades que hoxe temos.

Te puede interesar