Opinión

Tiempo de promesas

Di o que queiras. Promete o mundo, logo farás o  contrario do que dixeches ou, no mellor dos casos, o que poidas. Redacta un programa o máis ambiguo posible, deste xeito  terás mans libres para  manobrar ao teu antollo e saír dos embates  e reivindicacións da mellor maneira posible.
Ate agora foi sempre así. Prometer ate as cousas máis imposibles, para logo, ó toparse coa realidade e afrontar o exercicio do poder, apandando con algo moi distinto ó que te maxinabas, gobernar. Logo,  ir parcheando e saíndo do apuro para darlle contestación as máis diversas reivindicacións cada xornada. Pero chegou a crise, e con ela as protestas dos cidadáns cabreados, pois as accións de goberno non contentan a gran maioría dos veciños. E o cabreo  pasoulle factura a case todos. Cuestión esta que non deixa de ser un paradoxo, pois hai quen leva gobernando toda a vida, e outros soamente pasaron un anaquiño por alí, ou nunca estiveron no poder. Pero no tempo dos cabreos non cabe a reflexión para este e outros asuntos. Polo que todos, segundo a voz da rúa, son culpables por un igual.


Agora, cando de novo estamos diante dun proceso electoral, cabería preguntarse se haberá un cambio de rumbo; se a ética na política terá un espazo; se as promesas electorais serán fume como maiormente o foron ate hoxe; se a cidadanía lle pasará factura ós grupos políticos que dividiron a acción do goberno por cuestións unicamente persoais ou partidarias;  se ós que xudicializaron á política dunha maneira interesada serán premiados cos votos dos ourensás; se os que frearon a redacción do plan novo  de urbanismo, cando foron eles os culpables da situación actual,  terán algún castigo electoral; se os que andan coa cámara falando de que todo está mal e aparecen como salvadores do concello,  vivirán politicamente amosando un  populismo barato, e mellorarán en votos  ou quedarán fora da casa da Praza Maior.


Chegou a hora das promesas. Pero tamén se aproxima a hora de que fale a cidadanía en base a programas realistas cribles e que ilusionen ós ourensáns. E a día de hoxe, pouco se albisca para entender que trocará a situación dun concello que dende que a Xustiza detivo e imputou  ó anterior alcalde,  foi camiñando cara un despropósito permanente. A día de hoxe todo pinta que veremos algo repetido as citas electorais anteriores. Promesas realistas, haberá poucas e si moitas xeneralidades e algunhas ocorrencias. E non debera ser así, pois no noso concello hai problemas moi importantes que teñen que ter unha contestación inmediata. Por exemplo: que será da redacción do actual Plan  Xeral de Ordenación?, que será da expropiación do entorno das Burgas proposta polo actual goberno?, chegará (aínda que non sexa unha competencia exclusiva do Concello) algún día no que se articule unha área metropolitana de transportes que lle dea servizo ós polígonos de San Cibrán, Pereiro e Barreiros e as poboacións de Reboredo e a Castellana? Citei estas  cuestións, pois percibo un gran silencio sobre temas capitais para o desenvolvemento da cidade e o resto do municipio.


Estamos chegando ó tempo das promesas. De momento estamos no tempo no que hai máis preocupación por colocarse nun bo lugar das listas que de falar de asuntos serios, de programas electorais de futuro para darlle vida e proxección ó noso concello.  
En fin, esperemos que, despois de tanto rebumbio, ruído de listas, conflitos por primarias e demais asuntos, se poñan sobre o tapete cuestións que leven a grandes acordos políticos no futuro. Cuestións básicas que nos afectan como ourensáns. Sería un gran paso adiante. Polo demais, preparémonos para escoitar promesas valeiras.

Te puede interesar