Opinión

Trolas en precampaña

Mentres Bárcenas acusa ó PP e os seus xefes, incluído o presidente actual, de financiamento ilícito e cobro de sobresoldos dende os tempos de Fraga, e os dirixentes populares lle chaman delincuente e din que non o coñecen ao tal suxeto, o sr. Rajoy, despois de retirar ó ministro que fixo o traballo sucio na educación e nomear outro para adornar o consello, anuncia a baixada do IRPF nun punto e, como non podía ser menos, de maneira lineal. Con esa medida empeza de maneira oficial a precampaña das xerais, a cal parece que xirará baixo a idea de que “os populares cumplimos o 90% das promesas que anunciamos cando chegamos ó poder hai catro anos”.

Ise parece que será o eixo, ou o mantra se o prefiren, polo que xirará a campaña de outono. Ademais de esquecerse intencionadamente da corrupción que os afoga e que sae por todas partes, dirán: “nós aumentamos as pensións, baixamos os impostos, reformamos a educación e a xustiza, modificamos o mercado laboral e como colofón creamos emprego”.

Evidentemente que por moito que se repita unha mentira, dificilmente pode parecer unha verdade. Se se cumpliu o programa nun 90%, a realidade é que se trataba do programa oculto que non foi aireado na campaña electoral. Daquela, a publicidade do PP afirmaba que o paro seria solucionado nun prazo de meses; pero o certo é que a finais da lexislatura temos un índice semellante ó que deixou Zapatero. Afirmaban que se baixarían os impostos, e subiu o IVE. Que se reformaría o mercado laboral sen precarizar o emprego, e fíxose todo o contrario, pois aumentou a inestabilidade laboral ate niveis impensables. Que non habería recortes na sanidade nin no ensino: fíxeron o contrario, aumentando a privatización de servizos e subindo o pago polos medicamentos. E no ensino, veña recortes de profesores, imposición dunha lei de educación e pago de favores ó ensino privado.

En fin, e agora pretenden que nos creamos a milonga de que cumpliron o programa electoral case na súa totalidade. Pois si, cumpliron o programa no referido ó que non se dicía e se agochaba. Por iso andemos con ollo pois, como estes gobernantes son saberdores das nosas debilidades e dos nosos esquecementos, repetiran ate a saciedade “nós cumplimos”, e esqueceranse de que a débeda pública medrou ate niveis impensables. Non é máis ca unha trola como tantas e tantas que nos contaron outras veces.

Cousas, poucas sensatas, veredes e escoitaredes no decorrer da vida política. E todo elo sen que a ninguén se lle poña a faciana vermella por mentir tan descaradamente. Aviados imos se nos cremos tantas trolas, e sobre todo, cando estamos no tempo no que as campás repenican a eleccións. Polo tanto, prudencia e moito sentidiño.

Te puede interesar