Opinión

Unidade baixo a bandeira coa estrela?

Nesta terra temos moitos problemas, pero os máis importantes nunca terán solución se non somos capaces de chegar a puntos de encontro que forxen unha maioría social, pois cando unha única visión ideoloxizada do pais se considera a boa, a desexada confluencia de forzas galegas faise inviable.

Este podería ser o resumo do que acontece nas filas do chamado nacionalismo galego. Polo que parece, a día de hoxe, falar de unidade acción non será posible. Pois, cando a cerrazón ideolóxica pecha fiestras para ver horizontes máis amplos; cando un se considera dono da verdade absoluta e se está máis perto do chamado despotismo ilustrado que da realidade do país, pouco hai que facer.

Nesta terra, por aquelo de que teño máis leiriñas ca ti, enténdase máis votos, e quero manter a miña parcela de poder a toda costa, teño que facerme notar.

O tempo, que é o que quita e dá razóns en política, sinala que o nacionalismo impregnado de ideas foráneas e importadas de países ós que nada lle temos que envidiar, creou unhas forzas políticas ancoradas nun pasado que día a día retroceden e camiña cara a irrelevancia política.

O falso conflito entre esquerda e dereita así como a obcecación en afirmar que o nacionalismo galego é só de esquerdas, debilita e imposibilita que esta terra podía chegar a gobernar os seus destinos. Pois como alguén dixo hai anos: non hai soberanía política se non a hai económica. E aquí algúns soñan coa soberanía política, renunciando a incorporar ó proxecto a pouca soberanía económica que hai. E xa se sabe, a soberanía en si mesma é unha entelequia que nada vale. Digo isto pois, dificilmente se pode chegar a falar de unidade de acción cando se debuxa un país con dirixentes que soamente aspiran a ser oposición e renuncia a incorporar ó proxecto á maioría social na que tamén hai un tecido de empresarios, grandes, pequenos, medianos, traballadores autónomos, asalariados e profesións liberais.

Recentemente, o grupo maioritario de nacionalismo, fixo unha proposta de unidade para o vintecinco de Xullo presidida coa bandeira coa estrela. Sei o que significa a estrela, pero creo que é un erro pois o coñecido emblema identifica soamente a un grupo político. E esta cuestión invalida a chamada unidade, pois a bandeira que identifica a maioría dos galegos, por moito que lle manque a un sector, é a oficial. E o demais son cuestións reivindicativas dun grupo que é o mesmo que unha parte pequena da sociedade.

A historia, cando se escriba con frialdade e sosego, dirá que Galicia, tivo oportunidades importantes durante estes anos de democracia pero, por non ter políticos con amplitude de miras, dirixentes que non souberon participar na política do Estado, vive en franca retirada das mesas onde se cocen as fabas e reparte o poder. Primeiro, porque os partidos estatais teñen persoas moi sumisas que din amen ó que lles mandan dende as direccións madrileñas; e segundo porque nas filas do nacionalismo, por seguiren atados a vellos dogmas ideolóxicos que non se amosan en público, non souberon crear unha alternativa de país fronte as políticas centralizadoras do Estado.

Por iso, o da unidade que se presenta para o vintecinco de xullo próximo, semella que é unha unidade interesada e partidaria, non de país, que quere presentar unha alternativa seria, crible e ampla para trocar as cousas.

En fin, agora que se aveciñan tempos de mudanza constitucional, pola cegueira dos que non aspiran máis que vivir ilusionados cunha hipotética revolución mental, volverán saír á rúa a cumprir co ritual anual; mentres a grande maioría dos galegos toma o sol nas praias. E dentro dun tempo, se alguén non lle pon remedio, acabaremos defendendo a pouca autonomía política que temos. Por iso convén lembrarse dos berros de anos atrás: Parlamento de cartón e outras lindezas. Cantos erros cometidos! E mentres Galicia, polas torpezas de todos, perde,como suxeto político, peso na corte Madrileña.
 

Te puede interesar