Opinión

Vai de luces, berros e insultos

A quentura populista ou subidón que Abel Caballero lle imprimiu a Vigo co alumado do Nadal, parece que ten un seguidor na cidade das Burgas. Desta maneira, Jácome, seguindo os pasos do alcalde da cidade olívica, mandou poñer no Paseo unhas luces emulando o estilo gótico, que farán que moitos ourensás collan unha tortículis no pescozo de tanto mirar para elas, pois están moi altas, case chegando ó ceo. O desbarre consumista e por demostrar cal é o rexedor que pon as luces de Nadal máis grandes está contaxiando a moitos concellos que andan metidos nesta lea. E todo pra demostrar que se preocupan polo benestar dos cidadáns, pois quérennos facer a todos moi felices: ainda que todo sexa unha fantasía vacua que so persigue que consumamos sen criterio nin razón. O custe é o de menos, pois mentres haxa cartos o despilfarro sempre é bo se con el se tapan as carencias e promesas incumpridas que en Ourense son moitísimas. 

O esperpento, non só no Concello de Ourense, senon tamén no Congreso dos Deputados e noutras institucións, é evidente. A ausencia de diálogo e de argumentos contra o Goberno desapareceu, e agora so hai berros, saídas de ton e insultos graves. E senon, mirade o último pleno do Concello, onde quen debía moderar o debate corta a quen fala e dille sandeces para que cale. Todo isto lévanos cara a devaluación de principios éticos que, día a día, son vapuleados e esquecidos por grupos que o fan aposta. O seu obxectivo é crear descontento para aparecer eles con medidas drásticas a problemas complexos e así poder subírense ó poder, mandar e vivir da política. 

A oposición, sobor de todo no Congreso, co seu afán de desgaste do Executivo berra e non argumenta, vocifera pero non presenta nin fai propostas. E a ise clima súmase a inexperiencia dunha ministra que lles chama violadores as xentes do principal partido da oposición. Mentres, non ten a valentía de admitir erros na redacción dunha lei da que ela foi a principal mentora. Triste espectáculo o que nos ofertan. 

Eu non sei se os señores deputados e senadores e o seus líderes saben que estamos nas portas do Nadal. Tampouco sei se pensan que creando esta tensión gañan adeptos para súa causa. O populismo invadiu as institucións e tamén a moitos concellos. E a quentura das luces ben a ser so unha desas manifestacións que pretende que, con tanto barullo e tantas fantasía lumínica, a xente se empape de emocións e pense que todo é unha ledicia que non hai que pagar. 

Vivir de ilusións é tanto como soñar cos ollos abertos. É algo semellante a fuxir da realidade, ou non querer vela; sabedores de que tanto lucerío e berro so pretende engaiolarnos para que fuxamos dunha realidade que teremos que afrontar máis cedo que tarde.

As luces excesivas e fantasiosas, os berros e os insultos acobillaron nas institucións democráticas e nas nosas vidas normalizouse o anormal. E agora todos somos un chisco máis bárbaros e irreflexivos. E o espírito do Nadal de fraternidade feneceu arrasado por consumismo acrítico e unha fantasía moi esaxerada que nos cega a todos. En fin, de pena.

Te puede interesar