Opinión

1994, SAÍR DUNHA FOLGA DANDO UN PASO ATRÁS

Afolga xeral é a forma de loita laboral máis elevada, especialmente cando vai acompañada de grandes mobilizacións sociais, ocupación dos espazos públicos e obxectivos estratéxicos. Cómpre recoñecer que non sempre é así e, se o Governo non cede, algo abondo frecuente, ás veces falta nas centrais sindicais unha folla de ruta pra o día despois, que permita continuar a loita ate acadar as reivindicacións solicitadas. Este foi o caso do paro xeral do 27 de xaneiro de 1994, hai agora dúas décadas, convocado unitariamente pola CIG, CC.OO. e UGT.


A convocatoria non estivo exenta de atrancos, xa que en principio CC.OO. e UGT enredáronse na negociación coa patronal e o Governo, sen atender o chamamento á mobilización e a convocar unha folga xeral unitaria que facía a CIG, pra frear a contrarreforma laboral. O Goberno do PSOE empregou a estratexia de propor unha batería de medidas e ir cedendo a pingas na Mesa de Negociación, pra ao final atopar o consenso arredor das medidas que quería impoñer, pondo como límite o 15 de decembro de 1993, pra introducilas no orzamento do ano seguinte. A mediados de novembro foi inevitábel o choque por mor das diverxencias sobre pensións e desemprego.


A proposta do PSOE fíxose no marco do debate dun Pacto polo Emprego 'pra dar pulo á actividade económica'. A contrarreforma facilitaba e abarataba o despedimento, precarizaba a contratación de aprendices, recortaba o aceso e a contía económica das prestacións por desemprego, reducía a revalorización das pensións e dos salarios dos empregados públicos, abría as portas á privatización de servizos, etc. Utilizábase como escusa pra reforma a alta taxa de desemprego, que na Galiza atinxía a 205.000 persoas, así como a grave situación económica, que no noso país afectaba a estaleiros como Astano, empresas da conserva como Massó, etc. No ano 1993 houbo na Galiza 1.000 expedientes de regulación que abrangueron a 30.000 persoas. O tenso do momento indícano os dez mil labregos que se mobilizaron en Compostela contra a super-taxa ao sector lácteo o 19 de xaneiro de 1994, poucos días antes da folga xeral.


En relación coa incidencia do paro do día 27 o semanario 'A Nosa Terra' salientaba en titulares 'O seguimento da folga na Galiza acadou os niveis máis outos no conxunto do estado español, malia a que a patronal realizou unha campaña en contra sen precedentes. Tamén as 11 manifestacións celebradas superaron en número ás de folgas anteriores. Só as grandes superficies comerciais se negaron a pechar e na Administración autonómica o seguimento da folga foi do 25%'. Pra alén de pequenos incidentes os xornais destacan a normalidade durante a folga xeral. En Vigo houbo 12 detidos e enfrontamentos, primeiro pola noite e despois nas inmediacións do Corte Inglés cando a policía cargou pra disolver unha concentración de traballadores/as. Algúns xornais dan unha cifra pra todo o país de 200.000 manifestantes, como Diario16, e outros como o Atlántico de 170.000.


Ese mesmo día o que eiquí escribe, daquela secretario xeral da INTG, declaraba en 'A Nosa Terra': 'o ambiente social é moi tenso, de cabreo e desencanto. Iso de que Felipe afirme que lle importa un pemento o que digan os traballadores está a provocar un malestar moi grave e moi estendido que obrigará a todos os sindicatos a tomar medidas de máis envergadura, como a de parar dous ou tres días, até que o governo ceda. Iso xa se ten feito en ramas como a do metal'. Mais non foi así, xa existía unha tendencia dominante no sindicalismo estatal que lle facía ollar as condicións subxectivas da clase traballadora dende o derrotismo ¿ou temer que as mobilizacións lle desen ao movemento obreiro conciencia estratéxica? A alternativa que deron foi levar a loita na negociación colectiva, ou sexa: recuar. E a contrarreforma consolidouse.

Te puede interesar