Opinión

O 1º de maio e os mártires de Chicago

No ano 1889 no Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordouse celebrar todos os anos o 1º de maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial (centrada naquel intre na redución da xornada). Nosa nación non era allea ao sentir da Internacional, e no ano 1891 realizouse unha unha folga xeral na Coruña a prol das oito horas de xornada (pra unha semana laboral de seis días).

Cal foi a razón pola que se escolleu esta data pra celebración do Día Internacional da Clase Traballadora? Un chisco de historia do movemento obreiro. No ano 1886 o presidente norteamericano Andrew Johnson promulgou a lei que fixaba a xornada de oito horas, porén non entrou en vigor. Polo tanto a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio dos EEUU decidiron realizar unha folga xeral a partires do 1 de maio. Ese día uns 190.000 traballadores pararon, 150.000 conseguían que a patronal aceptase a reclamación pra evitar a folga, e outros 50.000 acadarían este obxectivo antes de rematar o mes.

Mais non todo foi tan doado. Ese día en Milwaukee a represión policial causou 9 mortos. En Chicago manifestáronse 80.000 persoas, e a patronal fixo lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, estendendo a folga a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. Este último día 6.000 operarios madeireiros axuntáronse nesta cidade pra escoller unha comisión de folga, era un conflito paralelo ao das oito horas, durante o acto falou o líder anarquista alemán Auguste Spies. Mentres interviña un grupo de 200 persoas afastouse da concentración pra se enfrontar aos esquirois que saian do serradoiro. A policía non tardou en chegar utilizando as armas de fogo, polo que os concentrados acudiron en axuda dos compañeiros. Malia que a policía conseguiu dispersalos seguiu disparando a eito contra os que fuxían, causando 6 mortos e uns 50 feridos.

Para o día seguinte os anarquistas e socialistas convocaron unha concentración na praza de Haymarket, que contou coa autorización das autoridades, no que se axuntaron unhas 20.000 persoas. Ao remate da reunión e cando os traballadores xa foran marchando, o capitán Ward avanzou sobre os grupos obreiros que ficaban na praza pra dispersalos, malia que o acto non rematara. Despois, alguén guindou unha bomba e matou a un policía e ferindo a varios. Entón, as forzas policiais, abriron fogo contra os traballadores, matando a uns 80 e causando uns 200 feridos; contando co reforzo de máis de 180 efectivos, ao mando do inspector Bonfield, que era odiado en Chicago pola súa brutalidade e sadismo.

Axiña comezou un duro e calculado reaxer da patronal, co apoio do Governo, que en moitas empresas arrebatou mediante lock-out a xornada de oito horas. Desde todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, no que se violaron todas as normas procesais. O xurado foi designado a dedo. O 28 de agosto sóubose o veredicto de culpabilidade dos oito procesados. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Lingg apareceu morto na cela e os outros tres pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que reflicte cal era o sentir da clase traballadora.

Neste primeiro de maio a clase traballadora, galega e mundial, ten reivindicacións urxentes, como son: evitar que a inflación se pretenda superar coa caída do poder adquisitivo dos salarios e menores servizos e prestacións públicas (aumentando a explotación laboral, e os beneficios empresariais). Así como acadar axiña a paz mundial mediante unha saída que respecte a diversidade, a protección da natureza, a xustiza social, a igualdade...

Te puede interesar