Opinión

23 de xullo, todo é posíbel

Amaior parte das enquisas dan ao PP como primeira forza nas eleccións xerais convocadas pra o vindeiro 23 de xullo, aínda que tería que contar coa extrema dereita de Vox pra obter unha maioría que lle garanta presidir o Governo central. Co que isto pode implicar dun maior xiro á dereita, de perda de conquistas básicas pra clase traballadora e outros sectores populares, de medre da conflitividade laboral e social, de tensión política. Ademais, aínda non se poden dar esta hipótese como un escenario seguro. Dous meses son moito tempo, máxime nesta conxuntura, onde cada semana que pasa crece a confrontación pola hexemonía entre “occidente” e as potencias emerxentes da periferia, e aumentan as contradicións de clase, ecolóxicas... Non se pode esquecer que a guerra na Ucraína, co que implica de gasto militar nos países da OTAN como as sancións a Rusia, afecta especialmente á Unión Europea, e polo tanto ao Estado español e Galiza. Aínda que a cuestión de fondo é o que van facer o PSOE e UP neste período. 

A liña política do PSOE durante estes anos non axudou moito no eido laboral, xa que moitas das medidas regresivas tomadas na etapa de Zapatero, coa escusa da crise de 2008, e durante a presidencia de Rajoy, continúan vixentes, como a perda dos salarios de tramitación, entre outras, e a promesa de eliminar as medidas represivas co movemento obreiro da “Lei Mordaza”. Tampouco se avanzou na cuestión nacional, non só recoñecendo o dereito de autodeterminación, senón como mínimo aceptando o feito diferencial das nacións periféricas, blindando as competencias transferidas, e abrindo o debate dun Estado confederal. 

Neste período os grandes obxectivos focalizaronse no aumento de axudas aos sectores máis marxinados, sen atacar as causas de fondo, e en poñer o acento nas problemáticas identitarias das persoas, que teñen sua importancia, mais non poden substituír a aquelas que lles afectan como clase, nacionalidade... Mesmo problemáticas como a ecolóxica, de gran importancia, ficou reducida a consignas, ao avance tecnolóxico, e a proxectos decididos nas alturas polas institucións, centrados nas grandes corporacións, mais con pouco ou ningún debate no que participase a maioría social. Por exemplo, que tipo de sociedade queremos e debemos construír, cales son as consecuencias sobre o modo de vida, e respecto da demografía, das relacións entre as nacións e as persoas?... Nestes temas esenciais son os grandes foros de ricos e poderosos, como Davos, os que marcan os paradigmas. Ulo a participación, a democracia, a diferenza entre dereita e esquerda? 

Tampouco axudou neste proceso todo o que se axuntou arredor de UP+EU+ (Máis País, etc). É verdade que mantivo unha postura máis progresista que o PSOE nalgúns temas, porén: non tería máis importancia seu papel lexitimando o sistema que alentando ás organizacións pra mobilización e o cambio de modelo económico e social?... Todo indica que Sumar terá que confrontar cun modelo elitista de facer política, presente no que quere construír como algo novo porque forma parte da idiosincrasia da organización que lle serviu de base, dun estrutura vertical. 

Resulta evidente que as forzas que se consolidan e medran, non só en votos, senón que manteñen unha importante estrutura militante organizada e participativa, son os partidos e frontes que representan o movemento soberanista en Cataluña, Euskadi e Galiza, e en menor medida en outras nacionalidades do Estado español. Isto non é casual. Todo amosa que a nova esquerda seguirá tendo a súa base no movemento obreiro e as clases populares, e moi vinculada á loita das nacións subalternas por conquistar a igualdade de dereitos, comezando polo recoñecemento da diversidade de culturas, linguas... a autoorganización. E este debate tamén estará presente nestas eleccións. 

Te puede interesar