Opinión

25 anos da plena integración na OTAN

Hai poucos días cumpríronse vinte e cinco anos de plena integración do Estado español na OTAN. O 14 de novembro de 1996 o Congreso tomaba esta decisión que contou co apoio de 293 deputados/as (PP, PSOE, PNV e CIU) 27 en contra (IU, BNG e Euskadi Alkartasuna) e 4 abstencións (Coalición Canaria). Governaba o PP presidido por Aznar. Deste xeito remataba o proceso de adhesión que propuxo Leopoldo Calvo Sotelo o 25 de febreiro de 1981.

Entre ambas datas (1981-1996) hai que destacar o cambio de postura do PSOE. Este pasou da oposición manifestada na consigna de “OTAN de entrada non”, ao apoio máis absoluto, adobiado con algunhas condicións pra convencer ao seu electorado. O PSOE gañou as eleccións de 1982 coa postura da oposición e a inclusión no programa da realización dun referendo pra que a cidadanía decidise sobre o tema. Aínda no ano 1983 Felipe González afirmaba que faría campaña no referendo contra a integración na OTAN. Axiña vai mudar esta postura. Considerase que as principais razóns que influíron no cambio de actitude foron: a presión dos Estados Unidos e de varios países europeos; a incorporación de España á CEE; e a actitude favorábel das Forzas Armadas respecto de estreitar lazos OTAN nun intre no que (seica) estaba moi tensa a Guerra Fría.

Daquela que a consulta se adiase o máximo posíbel, e que se realizase case ao final da lexislatura, o 12 de marzo de 1986, en boa medida pola presión das forzas políticas e sociais que se opuñan a se sumar ao bloque militar dos Estados Unidos e outras potencias imperialistas. Os resultados foron, en porcentaxe, no Estado español un 56,85% a favor da integración e un 43,15% % en contra, o que reflicte a oposición social, e que a base do PSOE non asumira toda ela ese cambio de postura tan radical nun tema de tanta importancia estratéxica e ideolóxica. En Euskadi, Navarra, Cataluña e Canarias gañou o non. Na Galiza houbo un 59,1% de votos a favor da OTAN e un 40,90% en contra, mais cómpre ter en conta que só participou o 38,51% do censo (no EE foi do 59,42%). Nas eleccións realizadas ese ano o PSOE obtería a maioría, mais perdeu 18 deputados/as, afianzase o liderado de Felipe González e a liña comprometida co capitalismo e seu bloque hexemónico.

Houbo unha importante mobilización na Galiza contra o ingreso. Por exemplo a manifestación que se realizou o 29 de decembro de 1981, meses despois do anuncio da proposición de solicitude da entrada na OTAN por parte de Leopoldo Calvo Sotelo. Fíxose en A Coruña e participaron máis de 6.000 persoas. Finalizou na praza de Maria Pita onde houbo unha incursión de dúas seccións da policía militar que cargou contra os manifestantes. Tamén hai que destacar a marcha do 24 de marzo de 1985 da Pobra do Caramiñal até Ribeira, coa participación de varios milleiros de persoas, baixo a consigna “Galiza pola paz, saída da OTAN”.

Un cuarto de século despois esta alianza militar está máis cuestionada que nunca, tanto por estar totalmente controlada por Washington, como polo feito de estar ligada a conflitos armados con numerosas vítimas, mesmo fóra de Europa (Afganistán, Iraq, Libia, Siria, Serbia...). A subordinación da UE, mesmo daqueles estados máis poderosos, ficou reflectida na precipitada saída de Afganistán do exército estadounidense, sen ter en consideración as forzas aliadas, na crecente presión sobre Rusia, e a constitución do bloque militar AUKUS, ignorando os intereses de Bruxelas e moi especialmente de Francia no Pacifico. Ao que se lle suma o xogo propio que desenvolve Turquía. Polo que a OTAN busca todo tipo de motivos pra sobrevivir, dende constantes manobras, ate enguedellarse na escenificación de conflitos menores que todo indica naceron pra desviar a atención interna, como o migratorio entre Polonia e Bielorrusia.

Te puede interesar