Opinión

Afganistán, os camiños posíbeis

Coa ocupación de Afganistán polos talibán, seica só hai resistencia en Panshir, amosa a falta de apoio popular aos governos que xurdiron ao abeiro das forzas de ocupación, e ábrense moitas incertezas encol dos escenarios futuros. Dáse por seguro a imposición da sharia. A incógnita é cal será a política exterior, non só cos Estados Unidos e aliados, senón cos países da rexión e potencias tan próximas como Rusia, China e India. Que papel xogará Paquistán?

Se temos en consideración o aspecto histórico, o governo dos talibáns implicaría cambios regresivos nos dereitos esenciais, especialmente das mulleres, e tamén das minorías. As alianzas que mantiveron durante a guerra contra as forzas ocupantes condicionaría as relacións internacionais. Apoiando a externalización da loita armada e o terrorismo de Al Qaeda, Estado Islámico, etc? Aínda con estes antecedentes, e que se podan producir nos primeiros días accións represivas, non se pode dar por consolidada esta folla de ruta. Xestionar as institucións do país neste contexto internacional, coas ataduras impostas pola globalización especialmente nas urbes (que se desenvolveron moito nestas dúas décadas), ao que se suma o grao de dependencia xerado por anos de ocupación, son un escenario que vai a pesar moito na andaina que escolla o governo talibán.

A escolla que fagan non pode obviar que necesitan que o país funcione, daquela que declarasen unha amnistía pra todos os funcionarios, porén ademais necesitan manter a actividade económica, o comercio exterior, e polo tanto as relacións institucionais co resto do mundo. A normalización das relacións con Estados Unidos, a UE e outros estados da orbita de Washington terá máis atrancos. Porén teñen o tempo contado, xa que a presión social pra que a nación funcione será axiña moi forte, porque a toma das grandes cidades fíxose cun mínimo de violencia, restando forza á escusa da guerra para xustificar que o aparello do Estado se paralice. Evidentemente sempre poden utilizar a represión, mais isto sería un suicidio a medio prazo, tendo en conta que obteñen o poder máis pola incapacidade e desprestixio dun governo e partidos subordinados que por contar cun gran exército e un arroupe social maioritario e, ao que se suman, múltiples acordos cos señores da guerra locais.

Non se pode ignorar que se chegou a esta situación polo fracaso de dúas décadas de ocupación dos Estados Unidos e aliados, que os acordos de Trump cos talibáns déronlle un un aval, que baleiraron as cadeas de presos da organización, e garantíronlle a entrada no Governo. Estes pactos foron referendados por Biden, que realizou unha retirada a bulir coa finalidade (como recoñece) de evitar un estoupido da guerra cos talibáns. Con estes argumentos como non se ía esfarelar o exército afgá, cando os Estados Unidos saian precipitadamente pra evitar a confrontación? Unha actitude que causou criticas públicas entre os aliados da OTAN, como foi o caso do Reino Unido e Alemaña. Por certo o Estado español non dixo ren, pra Madrid sempre foi deses temas que se manteñen o máis lonxe posíbel da vista e dos comentarios, se cadra porque se tería que xustificar que se facía en Afganistán. Que parte da responsabilidade lle corresponde neste fracaso? Unha derrota que o terrorismo islamista utilizará pra gañar novas adhesións.

Agora importa que se garanta a igualdade de dereitos a todas as persoas, e co territorio non se converta nun centro de adestramento e expansión do terrorismo (será posíbel cos talibán?...). En todo caso é a xente do país a que debe decidir o futuro! A utilización da forza e do paternalismo foráneo xa amosou seus resultados. A gran lección do sucedido é que cómpre respectar a soberanía das nacións, a xustiza social e dignidade das persoas.

Te puede interesar