Opinión

Apostando á guerra fría na Ucraína

Na Ucraína os dirixentes do partido governante e os da oposición son persoas adiñeiradas, e ligadas aos grandes grupos económicos. Tampouco é unha confrontación entre propostas sistémicas alternativas, como se evidencia cando se analizan os apoios exteriores.

Tanto os Estados Unidos, como a Unión Europea, e por suposto Rusia, apostan todos pola globalización neoliberal e por unha democracia sometida ao gran capital. A diferenza está, en se o mundo estará dominado por unha única potencia ou existiran varios polos, o que facilitaría abrir camiño aos pequenos países e ás clases populares.


Esta é máis unha disputa entre as potencias imperialistas hexemónicas e as novas potencias emerxentes; e entre estas últimas, salientan China e Rusia. Hai quen cingue o debate a unha cuestión de democracia, facendo de USA e UE exemplo dos dereitos individuais e colectivos, fronte unha Rusia ateigada de corrupción e métodos autoritarios. Esquecen que os primeiros practican unha política de rapina nos países periféricos, deixan tras de si a desolación nos que invaden pra “implantar a democracia”, alentan a especulación financeira, e alí onde colaboran pra combater o narcotráfico, este expándese.


A liorta na Ucraína pouco ten que ver coa democracia e moito con aspectos estratéxicos, de reparto da riqueza e do poder, e coas condicións nas que Ucraína se asociaría á Unión Europea segundo as propostas de Bruxelas, rexeitadas por Kiev. Pra UE, Ucraína representa un mercado de cincuenta millóns de novos consumidores e máis lucros pra as corporacións. Tamén xoga un papel importante o cerco militar da OTAN a Rusia, xa que Ucraína pecharía o anel en Europa. Lembremos que Estados Unidos ten 200 bases no exterior, e que consume a metade do gasto militar no mundo. E a OTAN é o único bloque militar existente.


Voltando á conflitividade na Ucraína, resulta evidente que o que fermenta a situación son as dificultades económicas que padece a maioría da povoación, que nen os governos anteriores nen o actual son quen de resolver. Un grave contexto social que se presta á confrontación, e que permite sementar todo tipo de falsas expectativas, entre as que están a de que un acordo de libre comercio primeiro e unha adhesión despois á Unión Europea abrirá unha vía de progreso.  Úsase o espellismo do ingreso medio dun operario/ra alemán, esquecendo os sete millóns de minijobs con salarios de 450 euros, e que o 30% dos pensionistas gañan menos de 700 euros ao mes, e que teñen que pagar servizos e alugueres a prezos do país máis poderoso da UE.


A persistencia da confrontación na Praza da Independencia amosa que se pretendía dar un golpe de estado brando con apoio de masas e obrigar o presidente a dimitir. Porén a situación fóiselle das mans á oposición, e podemos estar diante dun conflito permanente e a división do país. Esta saída tamén se pode ver como un mal menor por Washington e Bruxelas. A presenza de altos cargos políticos da UE e dos Estados Unidos arengando os opositores amosa o valor que lle dan a Ucraína; e resulta paradoxal que o governo permitise esta inxerencia, a menos que xogase a carta rusa só pra obter unha mellor proposta da UE.
Ucraína está dividida en dous. Na capital grupos pro-nazis, organizados militarmente, asaltaron arsenais, ocupan institucións e se enfrontan coa policía; nalgunhas rexións occidentais tomaron os locais do Partido das Rexións (no governo) e declarárono ilegal, así como ao Partido Comunista. Este último (un 14% dos votos nas eleccións de 2012) está a formar milicias de autodefensa, pra se defender dos ataques dos grupos da ultradereita ante a pasividade do governo. Agora, co país ao borde do precipicio e coas paixóns a flor de pel, o presidente Yanukovich chama o exército a restituír a calma. Non será demasiado tarde pra el e máis pra UE?

Te puede interesar