Opinión

As boas palabras e as condicións laborais xustas

O pasado 1º de maio a ministra de Traballo, Iolanda Díaz, anunciou publicamente que ía constituír nos próximos días unha comisión de expertos/as pra redactar unha proposta dun novo “Estatuto dos Traballadores/as do século XXI”. Sen dúbida é unha iniciativa necesaria dado as modificacións e fragmentación actual da actividade produtiva e polo tanto laboral. Esta proposta xa a ten feito con anterioridade e ten lóxica vindo dunha persoa cunha forte relación co laboral e sindical. Porén a cuestión de fondo é se existe por parte do Governo e os partidos que o integran o atrevemento e a disposición pra que o resultado sexa realmente un paso adiante en materia de xustiza social e igualdade. Esta é unha cuestión fundamental, cando non se trata só de boas intencións ou de pura propaganda electoralista. 

Malia o prometido, os pactos en 2021 non eliminaron todas a regresións das reformas nen as máis importantes do 2010 e 2012 (do PSOE e PP). Seguen vixentes retrocesos nos dereitos laborais que diminúen as contías das indemnizacións por despedimento, eliminan o pago dos salarios de tramitación, mantense a extensión das causas económicas que permiten despedimentos obxectivos; non se recupera a autorización administrativa previa nos despedimentos colectivos, que foi cedida á patronal. Ademais, mantense a máxima facilidade pra o descolgue dos convenios que teñan perdas na actualidade ou previstas, así como pola diminución persistente do nivel de ingresos ou vendas na empresa, tamén segue en vigor a autorización pra que as ETT actúen como axencias de colocación, equiparándoas ás oficinas públicas de emprego. 

Dirase que nunca se houbesen acadado os avances da última reforma, mesmo sendo tan limitados, con governos da dereita, é verdade, mais esta non deixa de ser unha escusa pra agochar a debilidade e considerar o mal menor un éxito. Polo tanto se esta é a folla de ruta pra o cambio, que nos propón a ministra, e os sindicatos que asinaron o acordo, estamos aviados. Ademais este entreguismo do Governo non só é evidente na reforma do Estatuto de 2021, senón tamén na interpretación que fai de temas ligados a el. Tal é o caso do SMI, que debería ser equivalente ao 60% do salario medio, máxime tendo en consideración o medre da inflación. Un aspecto este último que tampouco é alleo ao aumento dos salarios públicos, e a todo o relativo á prestación por desemprego, tanto nos requisitos a cumprir como na contía da mesma. Semella que o tema laboral quérese vender en doses e non tratalo como un conxunto e cunha folla de ruta clara. Será pra que non fiquen en evidencia os resultados finais, que non son precisamente os que espera a clase traballadora? Será porque este dialogo-pacto de cúpulas converte aos traballadores e traballadores en simples espectadores? 

Agora ben, polo momento, aínda que a ministra conte co apoio e a pasividade de sectores da clase traballadora, non se pode restar valor ao medre da crise e que esta andaina non é aceptada polo sindicalismo anti-pactista e combativo. Isto, a cuestión estrutural e as distintas estratexias, é o que valora a patronal, xa que ve no acordo, mesmo con algunhas cesións, a consolidación do camiño pra seguir aumentando beneficios. Polo tanto, respecto de cal será o modelo do novo Estatuto dos Traballadores/as todo indica, en principio, mais dependendo moito da resposta da clase traballadora, que será copia dos países referencia da UE (Francia e Alemaña), e que terá moi en consideración as alegacións que lle faga Bruxelas, como viu sucedendo no pasado, especialmente dende a crise do 2008 e o resgate bancario. Claro que a crise, a inflación, cunha concentración insultante dos beneficios, alentan a protesta laboral e social. E o futuro non sempre é repetición do pasado. 

Te puede interesar