Opinión

Borrell dá folgos ao conflito no Dombás

Vivimos unha conxuntura histórica importante, tanto respecto do equilibrio demográfico, como pra evitar a desfeita ecolóxica e a escaseza de recursos esenciais, como pra impedir un conflito nuclear entre potencias. E, en todos estes aspectos a Unión Europea, cunha historia ateigada de enfrontamentos e traxedias humanas, especialmente nas últimas dúas guerras mundiais, debería apostar con toda firmeza polo dialogo e o recoñecemento da diversidade e dun mundo multipolar. Non parece ser o caso, abonda con ver a súa intervención en Iraq e Afganistán, por non falar dos bombardeos en Serbia e Libia.

É verdade que a postura dos países que integran a UE non foi unánime, mais ao final sempre se impuxeron as decisións máis belicistas impulsadas Washington, mesmo cando se facían co argumento tan pouco solidario de: Estados Unidos primeiro. Só así se pode entender que o neste intre o ministro de exteriores Borrell faga unha visita a Kiev pra botar máis leña no conflito ucraíno, visitando a fronte de combate no Dombás, na zona baixo control do governo. Aproveitou pra declarar que a UE leva doado a este país 17 mil millóns de euros dende a restauración de Crimea a Rusia (unha decisión votada polo 90% da povoación). Semella ser unha actitude provocativa, coincidente coas negociacións que inicia esta semana Rusia con Estados Unidos e coa OTAN na procura de cando menos evitar traspasar as liñas vermellas de ambas partes.

A confrontación entre Estados Unidos e seus aliados con Rusia e China está no seu máximo nivel, e así o teñen manifestado unha e outra vez estas potencias emerxentes, cansas de bloqueos, sancións, agresións militares, e presións nas súas fronteiras. A diferencia da Guerra Fría non estamos diante dun enfrontamento por razóns ideolóxicas, con modelos económicos e sociais alternativos, mais pretender que unha nación, por máis poderosa que sexa, impoña seus criterios, modos de vida, e os intereses das súas clases dirixentes ao resto do mundo, ademais de non ser democrático, ignora a diversidade cultural e esmaga a vontade de decisión dos povos. Esta postura esquece e pretende sepultar os avances que a Segunda Guerra Mundial significaron, tanto en relación coa liberación das nacións dependentes como respecto da xustiza social, e a paz.

Neste intre a pretensión de Washington de manter a toda costa, malia os grandes avances de China e Rusia no eido económico e militar, a súa hexemonía en todo o mundo, mesmo a costa de dividilo en áreas de influencia, amosa unha oposición frontal a recoñecer unha realidade multipolar. A estratexia de Estados Unidos é a de mudar a medio prazo ao seu favor a tendencia actual na correlación de forzas, que cuestiona o dominio imperial de occidente. Agora ben, esta aposta, co que implica de guerras, destrución e intervencións militares, carecería de futuro sen o apoio por activa ou pasiva da UE, Xapón, Corea do Sur, e outras nacións. Non o fan por solidariedade, nen porque sexa a opción máis xusta e democrática, senón porque as súas grandes empresas tamén tiran réditos desta hexemonía. Lembremos que nesta etapa do capitalismo aumentaron máis que nunca antes a desigualdade entre nacións e clases sociais. E no último destes aspectos esta evolución segue a ser dominante perante a pandemia do covid-19, un período no que mesmo por protección do conxunto da xente deberíase impoñer un maior gasto social e a solidariedade, porén destaca pola concentración da riqueza.

Dar un apoio absoluto ao Governo de Kiev non é axeitado por parte da UE, tendo en consideración o auxe dos partidos xenófobos e as posturas guerreiras de Volodímir Zelenski. Será pra apartar a atención, nun caso, da crise, desigualdade, e corrupción, e da perda de poder no contexto internacional no outro?...

Te puede interesar