Opinión

Brasil como potencia 
e Getúlio Vargas

Brasil é a maior potencia da América Latina, integrante dos BRICS. É unha federación de grandes contrastes, tanto sociais, como no desenvolvemento territorial. Os governos do Partido do Trabalho significaron un gran paso adiante, malia que os cambios estruturais e sociais fundamentais seguen pendentes. Lembremos que o PT non ten maioría parlamentar, polo que necesita de acordos con outras forzas, como o PCdoB ou o PMDB. Agora ben, as bases pra industrialización foron postas durante a presidencia de Getúlio Vargas. O vindeiro 24 de agosto cúmprense seis décadas do seu suicidio, como consecuencia da presión da oligarquía apoiada polo exército pra obrigalo a dimitir.

Getúlio Vargas naceu no estado de Rio Grande do Sul no ano 1882, iniciándose na carreira militar, onde atinxe o grao de 2º sarxento. No ano 1906 pide a baixa no exército e estuda dereito. En 1909 resulta elixido deputado pra lexislatura do Estado de Minas Gerais. En 1927 é eleito governador do Estado de Rio Grande do Sul. Despois que fose asasinado o seu compañeiro de fórmula ás eleicións da federación de 1930, estoupa a revolución. O 3 de novembro dese ano asumirá a xefatura do Governo provisional do Brasil, e será confirmado no cargo pola Asemblea Constituínte pra o exercicio 1930-1934, que despois se prorrogará por catro anos máis.

A finais do ano 1935 fracasa o levantamento da Alianza Nacional Libertadora, de orientación comunista e dirixida por Carlos Prestes. Este permanecerá na cadea ate 1945. Participou da rebelión dos tenentes e foi impulsor dunha longa marcha de 23.000 quilómetros durante dous anos e tres meses por trece Estados, na que a columna de 1.500 militares rebeldes percorreu combatendo ate o 3 de febreiro de 1927 cando remata por se internar en Bolivia. A finais de 1937 os militares organizan un autogolpe, co pretexto dunha inexistente insurrección comunista, polo que se instaura o Estado Novo e prorrógase máis unha vez o mandato de Vargas. Durante este último período realízanse grandes obras, entre elas a siderurxia de Volta Redonda. No ano 1945, o Presidente será deposto por outro golpe militar.

En 1946 apróbase unha nova constitución que remata co Estado Novo. Malia ser apartado do poder, Vargas gaña folgadamente as eleicións de 1950 como cabeceira do Partido Trabalhista, que conta co apoio dos comunistas e do sindicalismo. Durante esta nova xeira funda a empresa petroleira Petrobras, permite a realización de eleicións sindicais, prohibidas dende 1947, e elimina a disposición que mantiña conxelados os salarios dende 1945.

No ámbito económico, o Brasil foi atinxido pola crise de 1929, caendo as exportacións (especialmente do café) e o investimento estranxeiro, así como as importacións pola depreciación da moeda. Neste contexto Vargas dará folgos á substitución de importacións industriais, como fixeron Cárdenas en México e Perón na Arxentina. En tres décadas, o país pasa de 293.675 traballadores/as na industria a 1.256.713 no ano 1950.

Algúns historiadores definen a Getúlio Vargas como un “nacional-desenvolmentista” e outros como un “populista”, dándolle idéntico alcume a Perón na Arxentina e a Batlle e Herrera no Uruguai. A primeira caracterización é a máis correcta, xa que todos fixeron un gran esforzo por desenvolver os recursos produtivos, procurando o apoio interclasista e do exército. Foron governos que aproveitaron a debilidade do imperialismo, pola crise e a posterior guerra entre as potencias. Mais, co remate da guerra, o imperialismo recobra poder e zonas de influencia. Virán anos de retroceso económico e social, laboratorios de neoliberalismo e guerra suxa contra o povo. Mais, daqueles alicerces, moi debilitados, xorden importantes gromos de desenvolvemento na última década, da mau de governos críticos co neoliberalismo, dándolle valor histórico á etapa de Vargas.

Te puede interesar