Opinión

Brasil entre triunfos y fracasos

Todo indica que Dilma Rousseff atópase fronte a un horizonte moi complexo, que mesmo pode cuestionar o futuro do Partido do Traballo como forza governante no Brasil. Segundo os medios de comunicación hexemónicos, a razón sería o aumento da contestación social contra a corrupción política, especialmente polo caso Petrobras. Aínda que os motivos de fundo, que dan pulo á protesta, hai que buscalos no reparto desigual da riqueza producida. Esta tendencia non se corrixiu abondo durante os governos do PT, como esperaba unha parte moi grande da sociedade. E mesmo recuou un chisco durante os últimos anos, por mor dun menor medre do PIB, como consecuencia da queda do prezo internacional das materias primas e alimentos.
Se analizamos os datos sociais do Brasil, vemos que son enormemente positivos dende que Lula da Silva comezou a governar no ano 2002. Segundo a CEPAL, ou sexa a axencia das Nacións Unidas pra América Latina, a povoación por baixo do chanzo da pobreza baixou do 37,5% en 2001 ao 17,1% en 2013, e a indixencia pasou no mesmo período do 13,2% ao 5,9%. Sen dúbida, neste avance xogou un papel moi importante o aumento da povoación ocupada, especialmente a que está regularizada (pola que se cotiza e cumpren os convenios colectivos), así como as achegas masivas aos colectivos de alto risco, como o “Plano Brasil sen miseria”.
As cifras en relación á distribución da renda tamén son positivas. Así no ano 2001 o 40% máis pobre dos habitantes recibía o 10,2% da torta e no ano 2013 era o 14,4%, mentres que o 10% máis rico pasaba no mesmo período do 46,8% ao 38,9%. É un avance espectacular, especialmente cando se ten en consideración que o Brasil ten unha povoación de 200 millóns de persoas. Porén, ao comparar, por exemplo coa Arxentina, resulta evidente que a desigualdade social segue sendo moi grande. No ano 2012, na Arxentina o 40% con menores ingresos acadaba un 18,2% da renda e o 10% máis rico dos habitantes un 28,8%. As diferenzas de concentración da renda entre ambos os países non se poden ignorar, xa que é unha comparación que realizan acotío moitos brasileiros/ras, especialmente aqueles que pertencen ás novas clases medias, máxime cando os trocos comerciais e o turismo achegaron tanto estes dous xigantes de América do Sur.
A conxuntura, cun menor medre do PIB nos BRICS, unha forte presión dos Estados Unidos e da UE por recuperar totalmente o seu papel dominante nos mercados da periferia, dá folgos a que sectores da burguesía “local” ligados con estas potencias, e unha dereita política que procura recuperar o governo en beneficio dun capitalismo que vampiriza o estado, aproveiten a situación económica e social pra alentar a protesta. Mais, mesmo sendo así, cómpre recoñecer que a oposición consigue colocar o governo e aliados á defensiva porque estes non foron quen de avanzar con maior rapidez nas mudanzas estruturais (ou non quixeron).
En relación a este aspecto, o coñecido sociólogo brasileiro Emir Sader, nun artigo recente baixo o titulo “Do laberinto se sai por cima” di o seguinte: “A contradición central que enfronta o país dáse entre un modelo de desenvolvemento económico con distribución de renda, aprobado maioritariamente polo país en catro eleicións presidenciais consecutivas, e a falta de disposición do grande empresariado en investir en sectores produtivos que atendan as demandas da xente do povo”. Sader critica que o Governo perdese a iniciativa a fin de mudar a correlación de forzas ao seu favor, pra confrontar coa oposición e superar estes atrancos que recrean o sistema capitalista. Evidentemente unha caída do PT deixaría un espazo que sería ocupado pola dereita pro norteamericana, cos retrocesos sociais e políticos que tería no interno, mais tamén no conxunto de América Latina e en relación aos BRICS.

Te puede interesar