Opinión

Ceder un pouco pra gañar os de sempre

Sen dúbida a actual crise, que de vagar vai abranguendo a toda á UE, resulta moi difícil que non afecte ao Estado español (EE). Máxime cando atinxe tan fortemente a Alemaña, a locomotora da UE, e as causas son os custes da enerxía, así como o esforzo militarista e a ruptura das relacións comerciais con Rusia, e os planos alternativos pra superar a poza non parecen dar resultados. Neste contexto o realizouse o pacto entre a CEOE e máis as centrais sindicais CCOO e UGT, en materia salarial. Agora ben, pra alén do seu contido, chama a atención que se anunciase despois do 1º de maio, e que a dirección da patronal o aprobase por unanimidade. 

O aumento salarial pactado pra os anos (2023-2024-2025) é do 4% pra este ano, e o 3% pra o 2024 e 2025, e unha revisión do 1% máis como máximo se a inflación excede estas contías. Non se pode obviar que no 2021 e 2022 a clase traballadora perdeu por mor da inflación unha boa parte do seu poder adquisitivo (no salario real unha media do -5,3% no ano 2022 no EE). Destacando o aumento en produtos e bens básicos, como alimentos, enerxía e vivenda,... que afectan ás familias con menores ingresos. Pola contra medraron os beneficios empresariais, especialmente das corporacións,... polo que caeron a mínimos as rendas do traballo fronte ás do capital. 

O pacto non evita que haxa convenios nos que se superen estes topes, por exemplo, como veu sucedendo estes anos alí onde existe unha forte base sindical e centrais combativas, criticas cos pactos sociais que sacrifican a iniciativa e mobilización da clase obreira. Agora ben, a diferenza é que ademais da oposición da patronal tamén atoparan a dos sindicatos asinantes deste “acordo de rendas”. Non deixa de ser un atranco importante, máxime nun intre no que a mobilización laboral ía en aumento, e os resultados dos convenios asinados eran cada vez mellores, permitindo recuperar unha gran parte da perda do poder adquisitivo dos salarios dos últimos anos. 

O Governo central avalou este acordo, ao consideralo parte das medidas que se marcou como fundamentais nesta materia, xunto co obxectivo de reducir as altas taxas de desemprego, unha das maiores da UE. Mais, sendo certo que tecnicamente baixa o desemprego, o certo é que faino en boa medida porque aumenta a precariedade na contratación indefinida. Sexa porque medra o número de contratos a tempo parcial como o de persoal fixo-descontinuo. Daquela que a esta altura existan, e van a máis, 152.000 persoas con contratos destas dúas modalidades, fronte a 458.000 con emprego indefinido a tempo completo. Ou sexa, un 25% dos “contratos indefinidos” son a tempo parcial ou fixos-descontinuos; en resumo: aumenta o subemprego!!!. Persoas que traballan e cobran menos horas en computo anual que un contrato indefinido normal a tempo completo, co que isto implica en termos de precariedade. O sector máis afectado é o de servizos, onde xa representa un 75% do emprego.

Daquela que a CIG denuncie que este pacto implica unha perda de poder adquisitivo, aumenta a precariedade e desmobiliza á clase traballadora. Por esta razón considera fundamental manter a presión nos convenios. E realizou o pasado día 1 de xuño manifestacións en todo o país galego, baixo a consigna: “Non ao pacto social, non ao empobrecemento da clase traballadora”. A central salienta ademais o “agravante que implica recrear o concepto de “Medida Preventiva de Conflitos”, que vén sendo un chamado á “paz social” pra frear a mobilización e facilitarlle á patronal a sinatura dos convenios”. Que no acordo figure este texto, aínda que teña unha eficacia relativa se participan outros sindicatos nos convenios colectivos, amosa unha actitude de freo á mobilización. E isto, cando menos é preocupante.

Te puede interesar