Opinión

Congresos obreiros galaico-portugueses

Hai 121 anos realizábase na cidade de Tui o primeiro Congreso Obreiro Galaico-portugués, os días 17, 18 e 19 de xaneiro, dun total de tres encontros que se fixeron. O seguinte celebrouse en Viana do Castelo do 15 ao 20 de abril de 1902, e o terceiro dende o 21 ao 26 de abril de 1903 en Braga. O obxectivo era estreitar a relación entre a clase traballadora da Galiza e Portugal e coordinar accións. O historiador Dionisio Pereira dinos que a unión galaico-portuguesa foi impulsada polo socialismo vigués e compostelán e polos seus parceiros de Porto, Braga e Viana do Castelo. Un dos obxectivos era controlar a entrada de man de obra de Portugal que se empregaba arreo pola patronal galega pra crebar as folgas na construción.

Na sesión preparatoria do 1º Congreso, o día 18, foron aprobadas 43 credenciais representando a 92 asociacións obreiras, nas que estaban integrados 60.160 afiliados e afiliadas. A presidencia sería ocupada por un delegado da Coruña, José Rodríguez, e a vicepresidencia por Concepción Fernándes, representante dos obreiros metalúrxicos de Porto. Como secretarios/as delegados de Ourense, Porto, Pontevedra e Viana do Castelo. Ou sexa, a mesa presidencial era paritaria entre galegos e portugueses do norte (ou da Gallaecia do sur).

Os/as congresistas acordaron dotarse de comisións internacionais de propaganda en Vigo e en Viana do Castelo. Ao peche do Congreso e nos días seguintes fixéronse mitins en Ourense e Vigo, pra divulgar as conclusións, destacando os xornais que os locais estaban ateigados de xente. O día 20 realizouse o mitin de Ourense ao que se sumaron moitas persoas de zona dos sindicatos participantes, así como representantes de Ferrol e A Coruña.

No 2ª Congreso acudiron 36 asociacións galegas e 44 portuguesas. Entre as resolucións, hai que salientar que as sociedades presentes e representadas comprometíanse a facer o posíbel por organizar en asociacións propias os operarios de todas as localidades nas que fose posíbel artellar asociacións legais, e nas que non, organizaríanse ‘grupos de propaganda societaria’ e de ‘emancipación obreira’. Acordouse ademais que o Congreso enviase un saúdo á Secretaria Internacional en Bruxelas, sede da 2ª Internacional, e que se constituíse unha Gran Unión Libre entre as asociacións existentes pra fomentar a educación e obter mellores resultados reivindicativos.

No seguinte realizouse en Braga o 3º Congreso ao que asistiron 47 asociacións de Portugal e 30 da Galiza. Os medios destacan neste encontro a intervención de Custodio Dantas, un delegado dos refinadores de azucre do Porto, que fixo a seguinte reflexión contra os monopolios acompañada dunha proposta de resolución posterior: “Considerando que é da máxima necesidade que a clase traballadora estea unificada pra o mellor emprendemento das súas loitas contra os explotadores da humanidade. Coido que é preciso combater de xeito intransixente non só a explotación fabril que non se xustifica, mais igualmente todos os monopolios que se comezan a desenvolver e que constitúen a maior explotación...” Unha valoración que reflicte o grao de politización dos debates e resolucións deste encontros entre a clase traballadora dos dous povos irmáns”.

Respecto de que non continuasen estes congresos obreiros, o historiador Eliseo Fernández, salienta que: “infelizmente o Congreso de Braga puxo termo ao percorrido da Unión Galaico-portuguesa. O Congreso de Pontevedra, que era o seguinte, foi adiado pola coincidencia co Congreso de Agrupacións Socialista de Galiza, e finalmente non se realizou. A tentativa da solidariedade obreira de superar as fronteiras artificiais malogrouse, mais os seus froitos ficaron presentes por moitos anos entre os obreiros das dúas marxes do Miño” .

Te puede interesar