Opinión

Demografía e dependencia

Se comparamos a evolución demográfica das distintas rexións e nacionalidades do Estado español no último medio século, ou sexa dende o momento de loitas tan transcendentes como as folgas xerais de 1972 en Ferrol e Vigo, ate a situación actual, de impresionantes avances tecnolóxicos, mais tamén de confrontacións, desigualdade e desfeita ecolóxica, vemos reflectida a tendencia dominante na economía. De 1971 ate o ano 2021, segundo datos do INE, a autonomía que máis medrou en termos absolutos foi Madrid, con 3 millóns de habitantes máis, despois veñen Cataluña e Andalucía, con 2,5 millóns cada unha, e logo Valencia con 2 millóns. Estas catro rexións e nacionalidades representan o total do medre de povoación no Estado español neste período. 

Hainas tamén que aumentaron sensibelmente en termos porcentuais, como Canarias, Baleares, Navarra e Murcia, e outras que creceron en menor proporción como Euskadi, Cantabria, Aragón. Perderon povoación Asturias, Estremadura e Castela León. Os anteriores datos reflicten o papel que cada unha delas xoga na cadea de valor, no aspecto económico, mais tampouco se pode desprezar o político, por exemplo o efecto da capitalidade.

Galiza, malia a súa extensa costa e riqueza forestal, mantén o mesmo número de habitantes, mais recuando de xeito notábel en porcentaxe do 8% ao 5,5%. Perdemos máis dun millón de persoas, se temos en consideración as nacidas no país, que en 1971 superaban os 4 millóns (preto dun millón en América, ao que cómpre engadir a emigración en Alemaña, Suíza, Francia, etc. así como a que había noutras nacionalidades e rexións do Estado español). Hoxe as persoas nadas en Galiza que viven no país ou no exterior non chega aos tres millóns. Polo tanto, a evolución demográfica indica, con toda claridade, non só o baleirado do medio rural senón tamén que os grandes núcleos urbanos non foron quen de absorber o excedente de persoas adicadas as actividades primarias. Algo que non sucedeu con Castela, onde Madrid, unha autonomía artificial, recolleu este excedente.

O medre da economía non foi parello en toda Galiza, aínda que normalmente se identifique a costa e o interior como áreas de maior e menor desenvolvemento industrial e polo tanto terciario, en realidade hai zonas de costa, na provincia de A Coruña, nas que o despovoamento é evidente, aínda que non teña a intensidade das áreas de montaña do interior. Mesmo con estas diferenzas existe unha tendencia xeral, que se potenciou a medida que avanza o proceso de globalización, na que o determinante é o estancamento ou retroceso demográfico de toda Galiza, mesmo que se alente o proceso inmigratorio, aproveitando a migración masiva por razóns económicas, ecolóxicas ou de conflitos armados. 

Neste proceso destaca que non existe un plano de ordenación axeitado e unha folla de ruta, debatida e asumida pola sociedade, a vinte ou trinta anos, onde se fixen criterios e prioridades en materia de infraestruturas, servizos básicos, desenvolvemento económico e cultural, etc. Por exemplo, cómpre ordenar a concentración da povoación, evitando a desertificación de áreas moi extensas, mesmo que sexan de montaña. Non son temas menores, e non abonda só con facer acordos con grandes corporacións para conseguir fondos europeos, máxime cando está botando o peche unha parte importante das empresas que dinamizan sectores produtivos creadores de emprego cualificado. Cómpre un compromiso cun desenvolvemento sostíbel e autocentrado. A evolución demográfica da nación galega amosa un recuar superior á media, pola dependencia económica e política. Contrasta con Madrid, que suma o efecto capitalidade, e con outras nacionalidades con maior peso político propio, mesmo limitadas pola falta de autogoverno. Canto nos parecemos a unha colonia.

Te puede interesar