Opinión

Dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega

O 10 de marzo cúmprese medio século da cruel represión da ditadura contra unha manifestación reivindicativa de traballadores da Bazan, en Ferrol, que segou a vida de Amador Rey e Daniel Niebla, causou moitos feridos e unha morea de detidos, condenados a prisión e multados polo réxime franquista. Bazán, que daquela tiña 5.500 operarios, aos que hai que sumar varios milleiros das auxiliares, era a empresa máis grande de Galiza. Lembremos que en 1966 a mobilización será labrega e intelectual contra o embalse de Castrelo de Miño, e que en 1968 as protestas danse na Universidade de Compostela. 

O de 1972 conflito xurde porque o convenio interprovincial da Bazán non contemplaba reivindicacións importantes da factoría de Ferrol, xa que a representación obreira non era homoxénea en todo o Estado español. Polo que comezan as mobilizacións a prol dun convenio de factoría provincial. Non menos importancia tiña como reclamo a necesidade de achegar xeograficamente o convenio aos afectados/as, xa que isto contribuiría á participación nas decisións e ademais respondía mellor á realidade socioeconómica na Galiza –tal como se reflicte nos documentos e propaganda da época-. 

Nun primeiro intre o sindicato do réxime, o vertical, acepta que o convenio sexa de ámbito provincial, porén posteriormente, o 24 de xaneiro, dá marcha atrás o que alenta ás mobilizacións e actos de protesta na Bazán. O primeiro paso sería non realizar horas extras. Como resposta o nove de marzo a empresa entrega os expedientes de suspensión de emprego e soldo a dous vogais xurados e catro enlaces. A totalidade do cadro de persoal concentrase fronte ao edificio da dirección, ate que polo seran a policía desaloxa aos traballadores violentamente. Estes fan dúas manifestacións polo centro da cidade, retornado posteriormente ao estaleiro pra mudar de roupa, xa que sairán coa “funda”, e deciden concentrarse de novo ao día seguinte pola mañá. 

 O 10 de marzo había moita policía secreta en Ferrol, mais non se notaba a presenza dos “grises”. As portas da factoría estaban pechadas, polo que se decidiu facer unha mobilización, na que participaron catro mil persoas, ate o barrio de Carranza, xa que alí traballaban moitos obreiros da construción. No cruce da estrada que vai deica a Ponte das Pías chegaron as “casas baratas” numerosos coches da Policía Armada –grises- querendo dividir en dous a mobilización e dispersar aos participantes. Defendéronse os operarios guindáronlle pedras. Os “grises” responderon disparando balas. Matando a Amador e Daniel e ferindo a outros corenta. Non tendo como evitar o ataque os manifestantes afastáronse da zona e algúns dirixíronse a outras empresas, como Fenya, en busca de solidariedade. Mesmo intentan facer unha nova concentración ás dúas da tarde, porén o lugar está totalmente arrodeado polas forzas de seguridade.

A solidariedade cos traballadores de Ferrol estendeuse por toda Galiza, e moi especialmente a Vigo, Coruña e Santiago de Compostela. O mesmo día 10 pararon Vulcano e Barreras en Vigo, e nos días seguintes: Citroën, Freire, Reyman, Sto. Domingo, Censa, Refrey, Ascon, etc. No Ferrol a represión seguiu nos días seguintes: foron despedidos 160 obreiros, dos que 18 eran enlaces sindicais e 3 xurados. Mesmo así en maio e setembro Vigo convertíase en referencia da loita contra a ditadura, na procura de melloras laborais e dereitos democráticos, unha que durou 15 días e abrangueu até 27.000 persoas. Máis represión, que non é quen de deter os cambios. Dous anos despois as loitas obreiras, labregas, estudantís collen un novo pulo, e con elas xorden novos protagonismos políticos e sociais, destacando pola súa iniciativa nesta nova etapa o nacionalismo galego. Son feitos da nosa historia recente que non deberiamos esquecer.

Te puede interesar